Sen teléfonos móbiles e con volta á infancia, camiñamos nunha mesma liña chea de palabras, xogos e moita rima!
Non é a primeira vez que facemos referencia ao traballo desenvolto coas Escolas Infantís da contorna (BbEscolas), mais si é a primeira que falamos dun traballo específico-mediador dirixido ao estudantado superior dos CIFP da nosa área de influencia.
Como axente en formación: o alumnado de 1º curso do Ciclo Superior Educación Infantil. Corenta rapaces e rapazas que voltaron á infancia para poñer en valor as diversas manifestacións folclóricas herdadas e deleitadas nos xogos infantís.

Resultante dunha necesidade precisa de paliar, como é a do traballo de recuperación do folclore infantil, compartimos con vós esta iniciativa, chea de recursos e aproveitable contido.
Para familias, persoal educador ou amantes da Literatura infantil… Unha, dola, tela, catola!
FOLCLORE POPULAR E LITERATURA INFANTIL
É innegable o peso que o folclore popular ten nas diversas manifestacións nas que se presenta a Literatura Infantil. De feito, son moitas as persoas expertas en materia que o defenden como fonte inicial para descubrir o significado e a función da literatura para nenos e nenas.
É por iso que dende idades temperás debemos deixar constancia da tradición vivida por nós mesmos e mesmas, para servirnos de enlace coas novas xeracións e que deste modo non se perda definitivamente a riqueza do popular, unha riqueza que vai en detrimento debido a influencia dos medios audiovisuais e as propostas de xogo que lanza a cotío a sociedade do consumo.
O noso labor como biblioteca é, en primeiro lugar, facer palpable esta necesidade para despois traballala conxuntamente dende unha achega básica que permita coñecer o legado do folclore infantil e posibilite a súa transmisión-comprensión, instrumentando a posibilidade de recuperación cos propios pequenos e pequenas.

Arrolos ou cantos de berce (poesías populares breves marcadas por un ritmo suave e relaxante que serven para adormecer aos bebés), xogos mímicos (propostas rítmicas que invitan ao xogo e nas que os dedos, o rostro e o esquema corporal se converten en contadores de historias, axudando ao neno e nena a coñecer e recoñecer o seu propio corpo), cancións e rimas (os cancioneiros populares como paso previo á maior parte dos xogos), contos de fórmula (contos populares e lúdicos que contribúen á organización do pensamento dos pequenos e pequenas e a exercitación da súa memoria), xogos rítmicos (abano de enredos nos que os movementos rítmicos e os versos son compañeiros permanentes) e adiviñas (diálogos de preguntas e respostas nos que se pon a proba o enxeño infantil) foron parte dos contidos que nutriron unha liña temporal acorde ao desenvolvemento evolutivo de 0 a 6 anos, dispoñibles para “recoller” e ser cómplices do noso obxectivo.

Escoitade o marabilloso Tiroliro, deixade que os vosos bebés xoguen cos dediños en Este queixo, queixolán, espertade xuntos aos esqueletes mentres o reloxo marca as horas, durmide a Dona Carme, saltade á corda, xirade á roda e resolvede algún que outro enigma sobre o mundo que vos rodea. Accións tan sinxelas posibilitan que este traballo se vexa pouco a pouco reforzado e, dalgún xeito, recuperado.

Nas nosas bibliotecas, variedade de materiais bibliográficos para dar continuidade a unha orixe ben bonita e moitas veces esquecida. Vinde con nós!
- Arrolos de salitre. Xabier Díaz e Guillerme Fernández. Salitre, 2010.
- Non hai berce coma o colo. Paulo Nogueira e Magoia Bodega. Pontevedra: Kalandraka, 2014.
- Colección Cinco Dediños. Antón Cortizas. Zaragoza: Tambre, 2004.
- Cancioneros populares: Chumba la cachumba | Mi burro enfermo. Caracas: Ekaré, 1998.
- A que sabe a lúa?. Michael Grejnlec. Pontevedra: Kalandraka, 2007.
- La casa que Jack construyó. Elizabeth Falcones. Barcelona: Lumen, 1998.
- Dona Carme. Manuel Bragado e Pepe Carreiro. Vigo: Ir Indo, 1990.
- Chirlosmirlos: enciclopedia dos xogos populares. Antón Cortizas. Vigo: Xerais, 2001.
- Canciones de corro y comba. Enrique de León Ovejero. Salamanca: Amarú, 2006.
- Folclore popular infantil: canciones, juegos, adivinanzas. Ana Serna. Madrid: Susaeta, 2001
- Dedín, dedín de pequenequín: folclore infantil. A Coruña: Edicións do Castro, 1990.
- Deditos y cosquillitas. Ana Pelegrín. Madrid: Espasa Calpe, 1994.
- Cada cual atienda a su juego. Ana Pelegrín. Madrid: Cincel, 1984.
- La aventura de oír: cuentos tradicionales y LIJ. Ana Pelegrín. Madrid: Anaya, 2004.
- Y voy por una caminito: Carmen Bravo Villasante. Jaime García. Madrid: AELIJ, 1996.
… a literatura é a infancia recuperada. Grazas! 📖
Deixar unha resposta