A cousa vai de lotes, e nunca mellor dito, xa que ás coñecidas mochilas viaxeiras/bebelotes que temos á vosa disposición nun amplo número de Bibliotecas Municipais, sumaranse a partires do próximo luns 20, un total de cinco bolsas de contido específico, nas que atoparedes unha selección de documentos relacionados coa experiencia lectora de profesionais, familias, educadores, etc.
Poñemos tamén en valor, unha serie de títulos relacionados coa lectura fundamentalmente, que forman parte dun nutrido fondo de contido especializado que tendes dispoñible na Biblioteca Ágora, e que de seguro será de interese para todos vós.
E é que …“Para educar a un neno, fai falta a tribo enteira”
Este proverbio africano que aparece recollido na obra de José Antonio Marina e María de la Válgoma, “La magia de leer”, reforza o camiño que como bibliotecas ao servizo da comunidade nos corresponde cumprir na tan necesaria mobilización educativa, xa que nos atopamos entre os colectivos que temos algo que dicir a este respecto (familia, escola, editoriais, institucións…)
A reflexión sobre esta posta en acción social, deunos un motivo engadido en Ágora, para que dende o espazo que nos corresponde como biblioteca, puideramos preparar unha serie de materiais vencellados á lectura (lotes/mochilas) que foran quen de ser utilizados en calquera momento por pais/nais, docentes, estudantes, bibliotecarios e mesmo afeccionados a historiar contos, para atopar e traballar interesantes recursos de lectura.
Así é que a partires do día 20, teredes á vosa disposición unha selección de guías, ensaios, reflexións, etc, con exemplos e referencias que de seguro orientarán inquedanzas e contribuirán a unha maior implicación de todas e todos nunha grande “conspiración lectora”.
Aproveitamos para lembrarvos ao mesmo tempo, que será tamén o luns 20, cando poderedes retirar as entradas para asistir ás primeiras sesións de bebencontros que terán lugar na Bebeteca de Ágora o vindeiro día 25.
E se non hai sorte, convidámosvos igualmente a compartir con nós espazo, bebelotes, e por suposto, os recursos de lectura…
E con Daniel Pennac e algúns dos seus dereitos do lector, despedímonos sabendo que a súa obra “Como unha novela”, que atoparedes incluída nos lotes, non vos deixará indiferentes trala súa lectura…
Dereito a saltar as páxinas
Dereito a non rematar un libro
Dereito a reler
Dereito a ler en calquera sitio
Dereito a ler en voz alta
bonito post Eva! boa iniciativa e estampado das mochilas 😉
quédome coa frase: “Para educar a un neno, fai falta a tribo enteira”
bicos, Sira
Graciñas Sira,
Esperemos que se dea a coñecer o fondo da Biblioteca Profesional e por suposto, achegar os recursos a todas as persoas interesadas.
Bicos tamén para Nuno 😉