O 3 de decembro festéxase o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Lonxe de querer entrar en debates en canto a terminoloxía, en moitos casos prefírese falar de diversidade funcional pola visión positiva que supón (son “capacidades diferentes”, non limitacións nin deficiencias). Pero aquí a cuestión non é ser políticamente correctos. A nosa verdadeira implicación como escenarios de acceso ao coñecemento vai pola senda da decodificación e o respecto a estas diferencias.
Sabendo que non todos os nenos e nenas teñen as mesmas capacidades de acceso á lectura, as Bibliotecas Municipais traballamos por brindar as ferramentas precisas para que ata os lectores e lectoras máis novos sexan quen de comprender, analizar, descubrir, reflexionar… E dende ese compromiso dispoñemos dunha ampla selección de materiais relacionados coa comprensión lectora e coas dificultades máis comúns detectadas na aprendizaxe da lectura: libros en Braille, contos con letra fiada para empezar a ler, libros con pictogramas, audiocontos, libros-xogo…
- Hiperactividad : ¡Álex, basta ya! Lidia Arroyo, Silvia Pla. Barcelona: Salvatella, 2010
- As letras máis eu. Un conto sobre a dislexia. Iraida Llucià. Barcelona: Sandía Books, 2014.
- Tengo síndrome de Down. Helena Kraljic. Madrid: Jaguar, 2014.
- Mil orejas. Pilar Gutiérrez Llano. Barcelona: Libros del Zorro Rojo, 2015.
- Menudos héroes : una selección de cortometrajes llena de ingenio, valentía y creatividad. Barcelona: Rita & Luca Films, 2015.
- M de autismo. Alumnas de la escuela Limpsfield Grange y Vicky Martin. Ávila: La estrella azul, 2016.
- Nicolás va a la biblioteca. Texto BATA; ilustracións de Alicia Suárez. Pontevedra: Kalandraka, 2017.
Moitos deles podes atopalos en LeoBen, un espazo de encontro dentro da sala infantil da Biblioteca Ágora que recolle documentos indicados para nenos e nenas con dificultades á hora de ler. Traballamos en colaboración coas súas familias e coas asociacións, organizacións e centros da contorna (Aspanaes, Aspronaga, FAPXG, Agadix, ANHIDA…), algo imprescindible para detectar os apoios que se precisan e que as bibliotecas podemos garantir. Seguiremos movéndonos para dar visibilidade e aportar normalidade a ditos colectivos, pois o verdadeiro problema existe cando o entorno social non ofrece as adaptacións que dan resposta ás súas necesidades. Sobre como chamalas xa falaremos outro día. Felices lecturas!
Deixar unha resposta