Fai un par de días que podemos gozar do verán, unha estación que resulta ideal para as/os máis pequenas/os, unha época vacacional para que gocen de novas experiencias e xogos ao ar libre, aproveitando esa fonte de vitamina D que o sol lles proporciona para que os ósos crezan fortes e sans.
Estes días de descanso familiar son ideais para potenciar o vínculo afectivo entre nais/pais e fillas/os e tamén retomar o contacto con avós e avoas, tíos/as e curmás e curmáns, despois deste ano complicado e así coñecer o seu rol de grupo.
Para Beba é un tempo de aventuras, este verán está a preparar o seu barco pirata para saír a navegar en busca do canto das baleas, que, desde que leu no xornal que se avistaron baleas nas rías galegas non pensa en nada máis que saír na súa procura. A Beba encántanlle as baleas!
Beba non se esquece de levar un dos seus contos preferidos: Las arañitas de la risa, escrito por Mar Benegas e ilustrado por Luisa Vera, editado por Combel; acompáñanlle nesta aventura as arañas protagonistas e ten a ilusión de poder contar e cantar aos pequenos ballenatos esta fermosa historia. Beba deixounos este vídeo con todos os preparativos desta viaxe…
No vídeo Beba canta a canción que vos escribimos a continuación para que a cantedes con ela:
Había unha vez
un pirata no mar
con pata de pau
e un ollo non máis
surcaba os mares
nun barco veloz
a súa illa quería chegar.
Pira-taaa, pira-taaa, pira-taa-taa (bis)
Ademais deixámosvos unha pequena guía de lectura Surcando os mares… con Beba para que desfrutedes na casa ou na biblioteca durante a época estival. Agardamos que a desfrutedes! Eses títulos e outros moitos podédelos atopar no catálogo das Bibliotecas Municipais da Coruña.
Tamén, Beba deixouvos preparadas unhas mochilas con libros con texturas, pop-ups, divertidos debuxos e incríbles historias.
Gozar en familia do pracer da lectura é unha actividade compartida marabillosa, e o primeiro paso para que os bebés aprendan a amar os libros.
Felices vacacións! Agardamos vervos pronto pola biblioteca! Verás que Verán!!!
Deixar unha resposta