Se falamos de Zdĕnek Miler, é probable que de entrada non coñezamos a este autor europeo de mediados do século pasado, pero se dicimos “Mole” , de seguro que nos virá á cabeza a pequena toupiña que o creador checo deseñou alá polos anos 50 e que tivo un éxito parello ao de Mickey Mouse en todo o bloque oriental de Europa, no Xapón e mesmo en China e India.
Zdĕnek Miler naceu na República Checa nos anos vinte do século pasado, perto de Praga, alí estudou na Escola Nacional Gráfica e na Facultadade de Artes e Oficios, o que o levou a traballar nun estudo de debuxos animados, especializándose na produción de cine e películas de animación. Ao longo da súa vida fixo perto de setenta películas, nas que case cincuenta, o protagonista era a súa máis famosa creación, a pequena toupiña “KrteK”, en checo.
Para dar a coñecer a figura deste autor, que recibíu a medalla ao Mérito Nacional en 2006, nutrir parte do novo repertorio de lotes que ofreceremos a partires de setembro na Biblioteca Ágora, e con motivo das achegas que nos fixeron os nosos usuarios/as da Bebeteca Ágora, decidimos crear máis dunha ducia de novos lotes nos que incluímos + materiais en galego, + música, + audiovisual á vez que reformulamos algún contido existente.
E dentro desas novas mochilas viaxeiras, irá a toupiña de Zdĕnek Miler da man da editora Patas de Peixe, libros de ducha en galego, e mesmo unha caixa de ferramentas para sorprenderse con texturas e formas. Aproveitamos para lembrar que todas as achegas que nos facedes sempre redundan en novidades/renovacións e, claro está, na satisfacción de todos. Esperamos que desfrutedes destes materiais e non dubidedes en achegarvos para coñecelos.
Para rematar, un pouco de música da que se inclúe nesta nova aposta de lotes na Bebeteca Ágora. Grazas a todas as persoas por ter participado coas súas aportacións.