A Feira do Libro de A Coruña abre as súas portas desde mañá, 1 de agosto, e ata o 10 de agosto, nos xardíns de Méndez Núñez. Conta cunha variada programación para todos os públicos e terá un horario de apertura moi amplo, de 11 a 14 e de 18 a 22 h.
E, a partir do luns 4, ofrécenos unha nova edición do festival de música e lectura infantil “Lemos, cantamos, gozamos” nunha das dúas carpas de actividades da feira: a partir das 20 horas poderemos cantar e bailar cos nosos pequenos na boa compaña de Susa Herrera, Olga Brañas, Migallas Teatro, Xoán Curiel, María Fumaça, As Maimiñas e Paco Nogueiras.
E, para poder gozar moito mellor do espectáculo, recomendámosvos que pasedes previamente pola biblioteca máis próxima e vos levedes en préstamo os libros e discos destes artistas:
- “Cartas que veñen e van” e “Todos os animais ó caixón“, de Susa Herrera con Mamá Cabra.
- “Animais encantadores” e “En Cabárceno se oye cantar“, de Susa Herrera.
- “Pitusa Semifusa“, de Olga Brañas.
- “Pan de Millo“, “Un avó especial” e “¡Canta connosco!“, de Migallas Teatro.
- “Estamos no verán!“, de Charo Pita e Xoán Curiel.
- “… cantar e bailar para ser máis feliz!!!” e “Xiqui Xoque, Fiú Fiú“, de María Fumaça.
- “Brinca vai“, de Paco Nogueiras.
E preparádevos para gozar do lindo con algúns dos mellores artistas para nenos de Galicia!
Deixar unha resposta