O mellor de cando unha etapa chega ao seu fin, é que podemos iniciar outra con ilusión renovada tendo a experiencia do xa vivido na nosa maleta.
Este é o caso da Bebeteca Ágora, que despois de dezaseis sesións e oito meses de traballo, di adeus da man da ilustradora colombiana Paula Bossio, desfrutando dun conto orixinal, sinxelo e creativo como é O lápis.
É quizais momento de lembrar tamén todos e cada un dos nosos protagonistas ao longo desta viaxe, o Señor Coc, Eric Carle, Hervé Tullet, Dona Carme, o Papagaio Loiro, Noemí Villamuza ou as divertidas historias de Story Time. Todas e cada unha das sesións tentaron ser lúdicas, amenas e descubrir ás familias contos e recursos dos que poder botar man para desfrutar do mundo da lectura dende as primeiras idades e compartir ese desfrute cos máis pequenos.
E como no bebencontro foi da man de Paula Bossio con quen traballamos a lectura adaptando o contido coa xestualidade que as páxinas requerían, decidimos dar a man neste caso a unha autora tamén latinoamericana de recoñecido prestixio internacional, Marisol Misenta “Isol”, para presentarlle ás familias unha das obras máis descatadas e premiadas desta autora arxentina, o estupendo “Nocturno”.
Trátase dun recetario de soños, cada cal máis orixinal e creativo, onde páxina a páxina a maxia aflora segundo miremos as imaxes con ou sen luz. O mundo onírico está presente incluso mentres durmimos, o xogo de luces permanece,… Resulta un libro felizmente difícil de describir e que cómpre experimentar.
Dende aquí o noso agradecemento a todas as familias que desfrutaron e compartiron con nós todas e cada unha das sesións. A aquelas que non puideron facelo, agradecémoslles igualmente a paciencia e a comprensión por entender que tería que ser outro día ou noutro momento. E por suposto, a todas as persoas que fixeron posible que o programa cobrara vida ao longo destes meses.
Só nos queda convidarvos a facer uso de todas as Bebetecas que a Rede Municipal de Bibliotecas da Coruña ofrece e a que viaxedes este verán cargados dos nosos Bebelotes, e por suposto, rescatamos para esta despedida algúns dos soños do noso recetario Nocturno, xa que ao “soño de irse lonxe” uniremos o “soño de medrar”…
O caso é soñar…
Grazas a todo o mundo, foi un pracer ter compartido con vós experiencias e lecturas!!!
Gracias a vós, por facer deses momentos, unha esperiencia única para os nosos pequenos.
Para nós é importante saber que a labor de achega da lectura ás familias e aos pequenos foi unha experiencia positiva.
Unha aperta forte
Maria, estamos aquí para seguir traballando e desfrutando con todas/os vós.
Ate a próxima