Por cuarto ano consecutivo, a Concellería de Cultura do Concello da Coruña patrocina o ciclo Libros en directo, unha serie de encontros con autores de recoñecido prestixio que ten como obxectivo principal achegar ao público coruñés as novidades editoriais máis importantes.
Durante a conversa con Pedro Ramos, coordinador e presentador do ciclo, os autores invitados falan da súa traxectoria como novelistas e de como a actualidade inflúe no seu traballo.
O 17 de decembro visítanos Jordi Sierra i Fabra con “O club dos raros”, unha novela para nenos de 8 a 10 anos onde conta a historia de Hugo, tatexo e Bernardo, disléxico. O matón da clase failles a vida imposible porque pensa que son raros. Por iso os dous amigos deciden fundar un club, onde sentirse menos solos e máis seguros. ¡Que sorpresa se van levar cando descubran que non son os únicos que queren formar parte do Club dos Raros! O “normal” é ser “raro”. Todos o somos. Por iso, o máis importante é aprender a rirse dun mesmo.
Aproveitando esta visita e como homenaxe á súa traxectoria e á calidade das súas obras, na Biblioteca Ágora recollemos esta pequena mostra da literatura infantil e xuvenil que leva o seu selo.
Velaí algún dos títulos que propoñemos:
- O asasinato do profesor de matemáticas. Madrid : Anaya, 2000.
- Kafka e a boneca viaxeira. Madrid : Siruela, 2006.
- Óperas contadas para nen@s. Barcelona : El Aleph, 2006.
- O neno que vivía nas estrelas. Madrid : Alfaguara, 2007.
- Diario dun pardillo. Barcelona : Destino, 2010.
“Non teño obras favoritas. Teño a sorte de escribir o que sinto, cando o sinto e como o sinto. Son libre, independente e feliz. Sempre que fago un libro é porque creo nel, e un libro é coma un fillo, pode saírche tonto ou listo, guapo ou feo, alto ou baixo, pero é o teu fillo. Unha vez feito pérdeslle o control, pode gustar ou non, venderse ou non. Eu teño máis de 300 fillos, iso é todo. Enunciar a un sería humillar aos demais. Que o decida a xente.”
Deixar unha resposta