Un ano máis, na Biblioteca Infantil e Xuvenil invitamos aos máis pequechos a pasar as tardes de sábado entre libros, os seus protagonistas e cancións que acompañan.
Coma sempre intentamos que os futuros novos lectores pasen uns momentos agradables e divertidos na biblioteca, onde, a través da estimulación temperá e nutrindo a súa contorna, axudamos ao desenvolvemento das súas habilidades, tanto sociais (entendendo a biblioteca como lugar de encontro nun Espacio de Bebeteca, xerando relacións con iguais) como sensoriais, motoras, etc.
Durante as sesións presentamos diferentes materiais que facilitan o descubremento dos libros, a música e o xogo, dende libros-cd pasando por outros máis específicos como os bits de intelixencia que consisten nunha serie de fichas con imaxes de liñas e cores planos e palabras sinxelas, perfectos para a aprendizaxe visual de obxectos, así coma o son das palabras e a identificación do entorno máis cercano dos bebés.


Para os máis pequenos e pequenas (de 0-12 meses) contamos con libros moito máis visuais, os libros carrusel, libros que a través do xogo e sempre acompañados de cantos e retahílas, recollen a atención dos nenos e nenas pola súa sonoridade e pola repetición das verbas.
Na sesión dos máis grandiños (de 13-24 meses) xa avanzamos un pouco máis na identificación das partes do corpo, neste caso como xa comezan a imitar os xestos dos maiores e iguais, valémonos dun dos libros que, a través do xogo do “cucú”, nos vai ensinando tódalas partes da testa.
Está claro que nos gusta transmitir a través dos libros, dos xogos, dos xogos que atopamos nos libros e dos libros que nos dan moito xogo! Así que aquí tedes unha pequena selección dos que utilizamos nestes primeiros Bebencontros da Biblioteca Infantil e Xuvenil, e esperamos ós seguintes para mostrarvos moitos máis.
¿Qué esconde el pequeño Edu?
La casa del Señor Coc
Recordade que podedes levarvos en préstamo todos estes libros e moitos outros similares que atoparedes nas nosas bibliotecas (podedes consultar a súa dispoñibilidade no catálogo web) e que se non queredes ou non tedes tempo para buscalos tamén temos preparados Bebelotes de acordo aos meses dos bebés e ás temáticas que máis vos apetezan tratar.
Deixar unha resposta