Esta semana, en CantoConto!, pasamos moita fame. E que só a nós ocórresenos pasar toda a tarde falando de comida, sabendo que na biblioteca non se pode comer. Pero cos contos tan fermosos que temos sobre alimentos de todo tipo queríamos dedicar unha sesión a mostrárvolos. Quen ía dicir que había ata cancións sobre comida!
Pero, primeiro de nada, demos a benvida aos nenos e as súas familias, porque facía máis dun mes que non nos viamos. O Nadal tróuxonos moitos libros e contos e os nenos estaban felices.
O noso amigo Pablo Díaz xa é un clásico en CantoConto, e os nenos xa piden “Imos contar un conto” en canto se sentan na alfombra. A continuación servimos o primeiro prato do menú: “Sopa verde“, de Ángela Madeira e Till Charlier, protagonizado por un coello que se negaba a comer calquera alimento que non fose verde. Os seus amigos, fartos de insistirlle, decidiron gastarlle unha simpática broma.
O segundo prato da carta foi “¡Voy a comedte!” de Jean-Marc Derouen e Laure du Faÿ, onde coñecemos a dous astutos coellos que lle tomaron ben o pelo a un pobre lobo que os quería zampar.
E, como sobremesa, unha divertidísima canción: “Cocorico“, do libro-CD-DVD Contos en Cantos, de Almudena Janeiro. É unha fermosa selección de contos de todo o mundo, musicados en diferentes estilos musicais.
Antes de marchar, os nenos escolleron contiños para levar a casa, dentro dunha coidada selección feita con agarimo, como sempre, polas bibliotecarias. Así, despois dunha rica cena, podemos seguir lendo en familia:
- “¿Qué tal, vexetal?“, Saxton Freymann e Joost Elffers.
- “Emilio tiene hambre“, Roméo P.
- “El sapo que no quería comer“, Martha Sastrías.
- “¡A comer!“, Patricia Geis e Sergio Folch.
- “¿Por qué no quieres comer?“, Jonathan Farr.
- “El sapito vegetariano“, Ana María Romero Yebra e Arcadio Lobato.
- “A sopa queima“, Pablo Albo.
- “Gústame o chocolate“, David Calí.
- “Teo come“, Violeta Denou.
- “O tigre que veu tomar o té“, Judith Kerr.
Botádelle un ollo tamén as fotos que sacamos durante as sesións. Aos que non puidestes vir, lembrade que é preciso anotarse na páxina web sete días antes da sesión que vos interese.
Esperamos volver a veros en quince días con novas sorpresas. Mentres tanto, podedes cantar na casa as canción de todas as sesións, grazas a nosa lista de reproducción. Ata pronto!
Magnífico traballo do persoal da biblioteca. Moitas felicidades en especial a Xiana e Marta polo ben co fan xa que nos teñen a tod@s moi atentos. Cada sesión de canto conto é máis bonita. Felicidades!
Moitísimas grazas! Grazas por vir a CantoConto! Grazas por compartir lecturas con nós! Grazas por darlle a Nicolás a oportunidade de desfrutar con nós de marabillosas aventuras cargadas de cantos e de contos! Agardámosvos sempre!
Bicos e apertas, Marta e Xiana.