“Qué susto!” foi unha das sesións máis divertidas das que gozamos en CantoConto! Lemos, cantamos e pasámolo xenial. Seguide lendo para saber máis. Pero non teñades medo, porque os sustos que levamos foron moi divertidos!
Cantamos a canción de Pablo Díaz “Imos contar un conto“. Sempre veñen cativos novos que deseguido aprenden a letra e os xestos cos que a acompañamos. É unha canción que nos relaxa e nos leva paseniño ao mundo don contos.
Unha coroa e unha loita de risa con dúas espadas brandiñas conducíronnos ata “El rey Hugo y el Dragón“, de Peter Bently e ilustrado por Helen Oxenbury, unha das nosas artistas favoritas (ilustrou “Imos cazar un oso” e “Alicia en el País de las Maravillas” da Editorial Lumen, entre outros). Tres nenos moi valentes constrúen no seu xardín un castelo onde loitarán con dragóns e monstruos. Unha historia chea de tenrura e de imaxinación.
A continuación escollemos un conto clásico, dos de toda a vida: deses que nos contaron os nosos pais, a eles contáronllo os avós, aos nosos avós contáronllo os bisavós, a eles os tataravós e así indefinidamente. “Os tres porquiños“, nunha edición de OQO e coa axuda duns monicreques moi simpáticos.
Para contarnos a última historia da tarde, recibimos de novo a visita dos nosos amigos Caracol e Caracola, outro libro da colección de OQO onde os nosos amigos tiveron un paseo moi axitado. Vaia susto!
E, para rematar, unha canción con moito ritmo, alegre e divertida: “A voz do son“, do disco “Ollos de mel“, do grupo Pirilampo, un grupo para nenos (e non tan nenos!) que coa axuda da música queren poñer o seu graniño de area na educación dos nenos. Escoitade qué delicia de canción:
Queremos deixarvos algunhas recomendacións de lecturas, neste caso unha selección da Editorial OQO:
- “Mariluz avestruz“, de Rachel Chaundler.
- “Cocorico“, de Marisa Núñez.
- “Loboferoz“, de Patacrúa.
- “Fiz, o coleccionista de medos“, de Fina Casalderrey.
- “Ramón Preocupón“, de Anthony Browne.
- “Mateo“, de Paula Carballeira.
- “Coas mans baleiras“, de Ana Tortosa.
- “A visita dos domingos“, de Matteo Gubellini.
- “Os mil brancos dos esquimós”, de Isabel Minhós Martins.
- “Tres desexos”, de Eva Mejuto.
- “Paco Papán“, de Patacrúa.
E mirade qué fotos tan divertidas gardamos de recordo destas sesións. Non vos perdades a próxima, reservando o teu convite na páxina web das Bibliotecas Municipais. Xa quedan pouquiñas sesións! Ata a próxima, familias!
Magnífica sesión de contacontos, como sempre. Moi ben preparado. Felicidades a Marta, Xiana e a todo o equipo. Desexando que chegue a seguinte sesión.
Moitísimas grazas, Paula! É un pracer tervos a Nicolás e a ti nas sesións de CantoConto! Desfrutar con vós de momentos tan marabillosos que compartimos xuntos!
Agardamos contaxiarvos o amor pola lectura! Bicos e apertas, Marta e Xiana.