Estos días en CantoConto! portámonos un pouquiño mal: fomos algo remexedoras e falcatrueiras, gastando bromas e sen facer caso á compañeira. Vamos, que estabamos de “non”. Igualiño que o protagonista do primeiro conto da tarde: “¡Más te vale, mastodonte!“, de Micaela Chirif e ilustrado por Issa Watanabe. Unha historia moi divertida sobre unha mascota moi peculiar e pouco obediente.
A continuación lemos unha historia moi invernal: “No“, da colombiana Claudia Rueda. É unha das nosas autoras favoritas, e nas nosas bibliotecas podedes atopar moitos títulos seus: “Mientras se enfría el pastel”, “La vida salvaje”, “Dos ratones, una rata y un queso”, “Formas” e moitos máis. O de hoxe, especialmente vistoso e fermoso, contámolo utilizando o kamishibai ou teatro de papel, unha arte xaponesa do século XII. Maiores e peques quedaron atrapados nesta historia dun osiño que non quería facer caso aos consellos da súa nai.
O último conto da tarde foi “Julieta estate quieta“, de Rosemary Wells. autora de marabillosos clásicos como “El saco de desaparecer”, “Lucas y Virginia”, “Carlos el tímido” e as sagas de Max ou Timoteo. E este conto en particular encántanos! Julieta é divertida, traste, simpática a rabiar e tremenda. O texto rimado é ocorrente e sinxelo de seguir. Como irmá do medio é a que menos atención recibe por parte dos seus pais, e decide pasar á acción para remedialo. Menuda arma! Cunha pequena obra teatral demos a coñecer a nosa Julieta.
E rematamos a tarde cantando, como non. A melodía escollida para hoxe foi “El monstruo soy yo“, do disco “No nos da pereza la naturaleza”, do grupo asturiano Petit Pop.
As recomendacións desta sesión de CantoConto foron:
- La vocecita / Michaël Escoffier; [ilustraciones de Kris Di Giacomo] Kókinos.
- ¡Oh no, Lucas! / Chris Haughton; Milrazones : Pepa Montano, 2014.
- ¡Ay, no! / Rotraut Susanne Berner. Madrid : Anaya, 2007.
- Eduardo : o neno máis terrible do mundo / John Burningham. Kalandraka: Faktoría K de libros, 2006.
- ¡Ha sido el Pequeño monstruo! / Helen Cooper. Juventud, 1999.
- A galiña roxa / adaptación de Pilar Martínez a partir do conto popular; ilustracións de Marco Somá. Kalandraka, 2012.
- Un cuíño independente / José Luis Cortés, Avi. S.M., D.L. 1993.
- ¡Te lo he dicho 100 veces! / Gabriela Keselman, Claudia Ranucci. Destino, 2006.
- La casa de los ratones / Karina Schaapman. Blackie Little Books, 2016.
Deixámosvos unha selección de fotos das sesións de todas as bibliotecas. Esperamos que vos gusten e non esquezades reservar a vosa plaza para a próxima sesión. Esperámosvos!
Deixar unha resposta