O pasado mes de novembro tivemos a segunda sesión dos Bebencontros da Biblioteca Forum. Como é xa habitual, os contos clásicos estiveron presentes en cada unha das sesións. Nesta ocasión adaptamos “Caperucita roja” e “Los tres cerditos” e introducimos melodías para acompañar a narración.
Tampouco faltaron os animais nas historias que contamos, como por exemplo, no conto “¿Una rana?”, un cocodrilo chamado Domingo, xogaba a metamorfosearse no dinosaurio Xulián, na eiruga Xoana e na tartaruga Lola para que a ra Matilda non o atopara.
No conto “Ñac, ñac”, fomos descubrindo cos ollos expectantes, os distintos animais da selva. Deste xeito apareceu Leoncio o león, co seu gran ruxido “rauuu”, a sorrinte mona Lisa, a elefanta Rosa lucindo moi fermosa, a xirafa Rita, o loro Federico, o cocodrilo Rilo con grandes dentes e outros amigos.
No mes de decembro, por motivo das festas, os nosos encontros habituais quedarán aprazados para o mes de xaneiro. Non esquezades que o mellor agasallo, a mellor festa que lles podedes ofrecer aos vosos bebés é collelos no colo, abrazalos e contarlles un conto (ou tres ou catro!), por iso deixámosvos unha pequena selección de historias coas que podedes desfrutar cos vosos pequenos nestas datas tan sinaladas.
Recomendámosvos unha colección da editorial Timunmas na que, a través de diferentes animais, percorremos diferentes estilos musicais e diversos autores.
A colección “Do berce á Lúa” de Kalandraka, un poegrama sinxelo e con moito ritmo.
Podemos destacar tamén os libros de tela da editorial Combel con diferentes formatos e texturas.
Da autora Liesbet Slegers, a editorial Edelvives ten unha colección para os máis pequenos.
Nesta colección da editorial Juventud podemos atopar entre as súas páxinas troqueladas diferentes animais.
Aquí vos deixamos unha ligazón á galería Flikcr das Bibliotecas Municipais de A Coruña.
E non queremos rematar sen desexarvos unhas moi Felices Festas e que estas datas estean repletas de libros.
Deixar unha resposta