Unha semana máis comenzamos a sesión de CantoConto! coa canción de Pablo Díaz “Imos contar un conto”, que cada vez coñecemos mellor e que nos encanta escoitar na biblioteca.
Esta semana visitounos Ole, que está moi emocionado pois comenzou a pintar, inspírase na biblioteca con moitos dos libros de arte e manualidades que temos na sección de Saber e coñecer, coa boa música e por suposto, cos contos.
Temos moitos pequenos grandes artistas que non dubidan no emprego das cores e que nos axudaron a contar o conto “O artista que pintou un cabalo azul“, de Eric Carle, escritor e ilustrador estadounidense que leva editados máis de setenta libros distribuidos arredor de todo o mundo e traducidos a máis de cincuenta idiomas. Nas Bibliotecas Municipais poderás atopar moitas das súas obras.
Logo proxectamos a historia de “Matías dibuja el sol”, de Rocío Martínez. A Matías tamén lle gusta pintar, está practicando e esfórzase para facer o mellor debuxo do sol pero comprobamos que non todos vemos o mesmo nas obras de arte.
Dentro dos nosos libros favoritos sempre están os da colección “Do berce á lúa“, de Antonio Rubio e Óscar Villán, nesta ocasión contamos, xogando coas imaxes e as rimas, o conto de “Crocodilo”. Non cansamos de recomendar esta colección publicada por Kalandraka.
Para rematar a sesión, escoitamos a Mamá Cabra coa canción “Son un artista”, incluída no libro-cd-dvd ‘Ola, ola, la!’, da Editorial Galaxia, colección Sonárbore 2010, xa coñecida para moitos dos asistentes e un gran descubrimento para quen non a coñecía, animándonos a cantar e bailar. Podes escoitala canto queiras na nosa lista de reproducción de YouTube
- Soy un artista / Marta Altés. Blackie Books, 2014
- El punto / Peter H. Reynolds. Serres, 2003
- El sueño de Matías / Leo Lionni. Lumen, 1992
- Mis primeras manualidades : para descubrir el placer de crear / Isabelle Bochot. San Pablo, 2015
- Plastilina / Anna Llimós. Parramón, 2005
- Manualidades ecológicas para niños / Kate Lilley. Juventud, 2014
Deixámosvos unhas fotos das sesións nas bibliotecas na nosa conta de Flickr
Deixar unha resposta