Non sabemos se pola abundancia de auga ou sinxelamente porque a nosa terra tira moito, pero na Biblioteca Ágora andamos moi mariñeiros nesta tempada. Tanto que cando tocou deseñar o Bbencontro en lingua inglesa deste curso, xa un habitual na programación anual, reminiscencias mariñas invadiron as nosas cabezas e convertemos ás criaturas con branquias nos protagonistas da xornada. Why not?
Coñecer outros idiomas distintos ao materno é xa prácticamente un requisito imprescindible na sociedade global na que vivimos: unha pasaxe a outras culturas e experiencias que multiplica por centos as nosas posibilidades de comunicación. O estudo do inglés a idades temperás supón múltiples beneficios, xa que o cerebro do bebé é moi moldeable e receptivo ante calquera tipo de aprendizaxe. Nesta ocasión centrámonos na práctica oral para traballar as competencias comunicativas e cognitivas dxs “bilingual babys”. Let´s go!
O pequeno Hooray, extenuado tras unha longa viaxe polos Mares do sur, saiu da súa casa-cuncha para presentarnos aos numerosos “fishy-friends” que fixo nesta animada aventura. Who´s there in the sea? Ledos, enoxados, gordos, a raias… peixiños moi diferentes que nos permitiron practicar adxectivos calificativos básicos a través dos xogos de palabras e as repeticións.
Trala algarabía mariña voltamos á calma con Sea Animals, do popular ilustrador Mike Lowery. Dolphin, shark, octopus, seahorse… todos foron advertidos: It´s time to sleep! Con rimas e xogos de luces aprendimos os seus nomes namentres os mandábamos a durmir: ZzzZzzzZzz!!!

A estimulación musical foi de novo un valor engadido na sesión: o polifacético compañeiro Santiago Manteiga, guitarra acústica en man, reforzou todo este traballo con acordes que envolveron de ritmo a sala infantil. Ata houbo tempo para que nais e pais practicasen o seu english co Yellow Submarine! Estímulos sonoros en riguroso directo que favorecen a potencialidade cognitiva dxs máis pequenxs, tanto polo que respecta ao desenvolvemento da musicalidade como á creatividade e expresión corporal.
A proposta non quedou ahí: unha pequena escolma de contos e materiais audiovisuais agardaba a familias e pequenxs para que, xa na casa, podan mergullarse de novo no amplo mundo dos idiomas (todos dispoñibles no Cascarilleiro, o noso catálogo en liña):
- Descubriendo en inglés. Primeros Pasos Producciones. Madrid: Divertigenio, 2007
- Your body = Tu cuerpo. Mike Lowery. Bilingual readers, 2010.
- Tom doesn’t need a potty anymore. Liesbet Slegers. Zaragoza: Edelvives, 2013.
- Animal Fun: versos de animaliños en inglés e galego. Pepe Sendón. A Coruña: El Patito Editorial, 2014.
- Rumble in the jungle. Giles Andreae. London: Orchard Books, 2009.
- Babies Go Cd´s: Led Zeppelin, U2, Beatles, Madonna… MGB Music.
Mergúllate na galería de Flickr se queres ver unha pequena mostra da nosa odisea polos fondos abisais. See you soon!
Deixar unha resposta