Hai unha semana lanzabamos desde as Bibliotecas Municipais da Coruña a proposta #AsBibliotecariasContan, unha iniciativa que nace en tempos de confinamento por mor do covid-19 para achegar ás máis pequenas e pequenos da casa historias, de pantalla a pantalla.
De luns a venres, ás 18.00 horas na nosas redes sociais (Facebook, Twitter, Instagram)… As bibliotecarias contan! #QuedaNaCasaeLe #corunaencasa
Deste xeito, todas e todos respectamos con responsabilidade o #QuedaNaCasa e seguimos gozando de fermosos contos, neste caso na modalidade virtual pero coa mesma dedicación, emoción, agarimo e coidado que nas salas infantís das nosas bibliotecas.
Ata o momento estes son os contos que as compañeiras Memé, Sara, Lupe, Natalia e Reme compartiron con vós:
La luna
Escrito pola premiada autora e ilustradora belga Anne Herbauts e publicado na editorial Kókinos.
Unha historia circular que comeza co final de cada día e remata co amencer do día seguinte. Pero… aínda que todos os días nos parezan iguais, sempre hai sorpresas!
La pequeña oruga glotona
A historia dunha pequena eiruga cunha fame enorme, escrita polo recoñecido escritor e ilustrador Eric Carle e publicada na editorial Kókinos.
O libro está cheo de buratos, observade atentos e atentas á protagonista da historia!
¡A dormir, peluche!
Escrito pola autora e pintora Claudia Bielinsky e publicado na editorial Edelvives.
Un divertido libro de solapas no que nenos e nenas poden xogar a descubrir que se agocha detrás de cada imaxe. As cousas ás veces non son o que parecen…
El libro rojo
Obra da escritora e especialista en literatura infantil e xuvenil, Mar Benegas. Publicada na editorial Litera Libros.
Un libro sinxelo e atractivo aos ollos dos máis pequenos, onde as palabras e as cores son as protagonistas a través dun xogo visual. Que cor ven os teus ollos?
El hilo de la vida
Escrito polo debuxante de cómics e autor de libros infantís Davide Cali e ilustrado por Serge Bloch. Publicado en Ediciones B.
Un fermoso libro ilustrado, galardoado co Premio Baobab de Álbum Ilustrado 2005 e recomendado para todos os públicos. Un emotivo percorrido pola vida dunha personaxe desde a máis tenra infancia ata a madurez, prestade atención e sentide o fío vermello!
Esta tarde, por vez primeira, a sesión de contacontos se emitirá en directo no noso perfil de Instagram. Tomade boa nota da cita e a gozar das historias!!
Todos os vídeos tamén estarán dispoñibles no noso canal de Youtube, na lista de reprodución “As bibliotecarias contan”.