Aulas Galegas é un portal educativo creado por un colectivo de profesores e profesoras que ofrecen contidos educativos de calidade, cun claro interese lúdico e creativo.
Comezaron a súa andaina o venres 13 de marzo. Puxéronse en contacto para organizarse e traballar por seccións relacionadas coas distintas materias. Actualmente manteñen un calendario de publicacións para dotar de contidos mínimos á páxina todos os días mentres dure a corentena.
Así se presentan:

Podedes atopar cada día material clasificado por nivel académico e materia, para as etapas de educación infantil, primaria, secundaria e bacharelato. Para o profesorado contan cunha sección organizada por departamentos didácticos, onde poden acceder a páxinas doutro profesorado galego desas materias.
Pero a oferta esténdese máis aló das etapas educativas. Así podemos atopar unha sección para os maiores, para exercitar a memoria ou o corpo.
E como non podía ser doutro xeito, contan cun espazo para os libros, chamado lecturas compartidas, que xa é a nosa sección favorita.
Cando remate todo isto poderedes atopar eses títulos no catálogo das Bibliotecas Municipais da Coruña, ou se queredes ler en liña estes días podédelo facer de balde e sen contrasinal a través de Galicia-le.
Son moitos os profesionais da educación que dende esta plataforma están actualmente a colaborar para ofrecer ás familias unha oferta educativa diferente, porque outro xeito de educar é posible.
Deixar unha resposta