AO PASO DOS VERSOS


Hoxe día 29 de Abril, celébrase o Día Internacional da Danza. Establecido pola Unesco hai máis de trinta anos co obxectivo de atraer a atención sobre esta arte, son moitas as institucións, axentes sociais, organismos e particulares que adican parte do seu tempo ou da súa programación á difusión deste medio de expresión.

As Bibliotecas Municipais sumámonos á celebración deste día coa campaña AO PASO DOS VERSOS. Durante 24h todos os nosos espazos virtuais inundaranse desta arte, atopando contidos desde diferentes perspectivas e para todos os públicos, cun fío conector…a DANZA!

Mais nesta plataforma o que prima sodes vós: crianzas e familias que xuntas compartides historias e momentos de lectura! É por iso que dun xeito breve pero intenso, vos queremos convidar a dar pasos entre versos e brincar dunha ilustración a outra. Como? Compartindo un variado de títulos para vivir a Danza dende a casa e así unirnos a todas aquelas persoas que nestes días non tiveron motivos polos que bailar, pero atoparon unha razón para facelo.

UN, DEUX, TROIS, QUATRE! Velaquí van:

  • Let´s Dance, Little Pookie por Sandra Boynton (Robin Corey Books, 2008). Tras a proposta da súa nai, Pookie sente atracción polo baile: brinca, marcha e salta para desfrutar dunha xornada do máis animada.
  • Bedtime classics: The Nutcracker (Penguin Books, 2019). Contemplade a batalla do crebanoces contra o rei dos ratos, coñecede a Fada de Azucre e viaxade ao Reino dos Doces da man de Clara, a protagonista deste ballet clásico baseado nos contos de Hoffmann.
  • The cranky ballerina por Elise Gravel (Katherine Tegen Books, 2016). De cando os movementos sen xeito son xeniais e tedes que experimentar para atopar o voso propio camiño artístico.
  • Olivia por Ian Falconer (Atheneum Books for Young Readers, 2010). Baixo a influencia directa do propio autor no mundo do ballet, a porquiña máis aventureira dos contos infantís achégase á danza a través de movementos e obras de arte.
  • Un tigre con tutú por Fabi Santiago (Siruela, 2017). Amizade, talento e empeño conxúganse para acadar o que nos fai felices…

… é por iso que Max -protagonista da historia- quere compartir o seu soño con todos os nenos e nenas que estades aí. Tras as pantallas. Descubrindo as nosas propostas. Compartindo tempo de baile en confinamento.

Hoxe ás 18:00h e nas RRSS das Bibliotecas MunicipaisParís abre as súas portas e móvese para todas e todos vós. Bulide e clickade nos tickets!

#AsBibliotecariasContan… UN TIGRE CON TUTÚ de Fabi Santiago

Mais nada que festexar un moi feliz DÍA INTERNACIONAL DA DANZA na mellor das compañías!

Deixar un comentario

Blog en WordPress.com.

Subir ↑