No depósito da Biblioteca Municipal Ágora, en baldas compactas, descansa confinada a colección de libros infantís e xuvenís susceptible de ser conservada. Trátase dunha pequena colección de libros de edicións esgotadas e primeiras traducións que se realizaron ó galego. Algúns deles están aí porque intuímos pasarán a ser clásicos LIX. Outros xa o son.
Esta colección trasladouse dende a Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil á Biblioteca Municipal Ágora por cuestións de espazo e condicións ambientais. E pódese consultar, pódese desfrutar dela, só hai que dicilo no mostrador da biblioteca e acollerse ó préstamo en sala.
Estamos falando de Bernardino Graña, de Rosa García Vilariño, de Roald Dahl, Neira Vilas…. E estamos falando de Galaxia, Ir Indo, Do Castro, Sotelo Blanco…
Nestas datas de celebración das Letras Galegas queremos recomendar algunas destas lecturas, porque representan os alicerces da literatura infantil e xuvenil, e sen dúbida, tamén algunhas formaron parte da nosa infancia.
O León e o paxaro rebelde. Bernardino Graña. Ed. xerais, 1990.
“O león, o Rei do bosque, mandou correr un bando que prohibía a tódolos paxaros canta-las súas cancións sen antes pedir permiso ou licencia. Pero o Pimpín non só non lle fixo caso ó bando, senón que ademais gustaba de cantar cancións maliciosas e de protesta.”
Xosé faise amigo do vento. Rosa García Vilariño. Ed. Sotelo Blanco, 1990.
“Xosé vive no lugar máis alto da vila. As vistas son magníficas, pero o forte vento, sempre presente, obriga ós vecinos a se protexer da súa presencia…”
Voando Só. Roald Dahl. Ed. Alfaguara, 1990.
“Roald Dahl, autor coñecido e admirado tanto por nenos/as coma por adultos, naceu en 1916 en Llandaff, País de Gales. Neste libro retoma as súas fascinantes memorias a partir do momento no que deixou o seu primeiro libro: Boy (Relatos de infancia), tamén publicado nesta colección.”
Lembrades algún destes títulos nas vosas casas? Que libro desconfinariades vós?
Deixámosvos esta consulta nas redes e convidámosvos a ver as nosas recomendacións que irán saíndo nesta semana das Letras Galegas. Tamén vos imos facer lembrar os clásicos do berce.
A primeira das recomendacións, xa vola achegamos aquí:
Feliz semana das Letras Galegas 2020
Deixar unha resposta