Dende outubro ata febreiro visitaron a nosa Biblio unha chea de familias, contos, personaxes… E tamén tivemos moitas moooitas sorpresas! Velaquí tedes unha mostra:
Comezamos o curso en outubro, festexando o Samaín xunto a bruxas, esqueletos, morcegos e arañas! Fixemos unha sesión de aproximación ao entorno social e cultural dos bebés mediante elementos do folclore tradicional e cancións de tradición oral, fundamentais no desenvolvemento dos nenos e nenas.
En novembro a cousa foi de ratos. Xuntámonos para festexar o aniversario do rato, que invitou a moitos dos seus amigos animais! Pero tamén coñecimos aos ratos de cores, que bailando semellan flores! (sesión baseada nos seguintes contos de fórmula: El cumpleaños del ratón, de Antonio Santos, e Cores, de Leo Lionni).
Despedimos o ano somerxéndonos no mundo de Eric Carle, un dos escritores e ilustradores de literatura infantil máis importantes de todos os tempos. Quen non coñece á pequena eiruga larpeira? Pero este non é o único personaxe deste autor. O oso pardo tamén nos acompañou para contarnos todos os animais que ía vendo!
A primeira sesión do 2020 foi totalmente internacional, xa que vos contamos dúas historias en inglés. A lingua inglesa ten moita sonoridade e xogos de palabras, elementos imprescindibles nos contos de bebés. Contamos Hooray for fish, de Lucy Cousins, e Sea animals, de Mike Lowery.
A derradeira sesión que puidemos facer este ano, no mes de marzo, foi unha moi especial. Aproveitando as datas nas que nos atopábamos, festexamos con vós o Carnaval dos animais. Esta sesión estivo centrada na danza e no movemento, a través de historias musicadas; rimas e onomatopeas en torno á obra homónima de Camille Saint-Säens.
E isto foi todo! Agardamos que para o curso que vén nos poidamos volver a ver. Mentres, esperamos que pasedes un bo verán!
Deica logo, familias!
Deixar unha resposta