Hoxe é a gran festa da Lingua Galega e desde as Bibliotecas Municipais unímonos a esta celebración cunha campaña que se está a celebrar desde o día 11 empregando o cancelo #DesconfinarALingua. E que mellor maneira de desconfinar a lingua que a través da melodía suave e doce da poesía, transmisora das palabras primeiras.
Os nenos precisan desde que nacen escoitar verbas, xa que contribúe a formar unha grande rede de palabras no cerebro, que en plena actividade, é capaz de absorber unha cantidade inxente de información en prazos relativamente curtos. O cerebro do bebé está máis aberto que nunca sendo o período de máis creatividade, como nos demostran as novas técnicas da neurociencia.
Ler, cantar ou recitar aos máis pequenos é fundamental para o seu desenvolvemento. As cancións, as rimas e a poesía conéctannos de xeito especial cos bebés e constitúen un excelente recurso para potenciar as habilidades fonolóxicas xogando coa linguaxe.
Desde sempre o xogo e a poesía tradicional estiveron unidos nunha soa expresión. Os xogos, as rimas de movemento, as ladaíñas, as adiviñas, as cancións, os arrolos e os poemas que xogan coas palabras onde o ritmo e o son resultan inseparables, exercen unha gran fascinación no neno quedando gravadas na súa memoria.
Estas manifestacións artísticas permitiron desde sempre aos máis pequenos actuar con dinamismo e confianza ante o mundo que lles rodea.
Conservar a nosa tradición oral é unha riqueza que representa o que somos e mantén viva a nosa cultura. A continuación deixámosvos cunha pequena escolma destas representacións artísticas.
Hoxe en día podedes atopar unha gran variedade de contos para os máis pequenos cunha magnífica recopilación deses refráns, adiviñas , cantigas, contos rimados… de tradición popular.
Tamén encontraredes libros para estas idades onde os seus autores convídannos a xogar coa melodía das súas rimas e as súas imaxes que se atopan en perfecta harmonía.
Como xa dixemos ao principio, na bebeteca do Fórum cremos na importancia da poesía, das rimas e das cancións nas primeiras idades e tamén da importancia da linguaxe xestual, por iso, para rematar Beba convídanos a desfrutar do poema “Cando se abre un conto” recitado con signos de LSE, escrito pola poeta Olga Patiño.
Deixar unha resposta