Festexamos o Día da Biblioteca e o 5º aniversario do Punto de Préstamo de Mesoiro cun contacontos


O Punto de Préstamo de Mesoiro acollerá o 24 de outubro un contacontos destinado a nenos e nenas entre 0 e 3 anos: Corochas. Con este contacontos queremos celebrar contigo os nosos 5 aniños de vida!

O Punto de Préstamo de Mesoiro cumpre 5 anos!

Corochas é un espectáculo de pequeno formato da compañía Xarope Tulú dirixido á primeira infancia  que combina a narración oral, a manipulación de obxectos e a música.

A través do conto acumulativo, da canción e xogo de imitación viaxaremos por diversas paisaxes e coñeceremos personaxes estrafalarias que deben resolver múltiples enredos.

Os contos ás veces son coma as corochas, fannos viaxar a lugares onde normalmente non chegamos ou a partes do corpo ás que non lles poñemos atención.

Compañía Xarope Tulú

Xarope Tulú é unha compañía fundada pola actriz Atenea García e o escenógrafo Nicolás Zamorano, comprometida coas linguaxes escénicas dirixidas á infancia e a mocidade, que convida a viaxar por mundos singulares.

Ademais, durante o longo do curso, o Punto de Préstamo acolle máis actividades para peques e persoas mozas como Merendas con contos, un programa de contacontos cos ratiños de Lonxedetodo pensado para crianzas entre 3 e 7 anos, ou o club de lectura infantil, de 11 a 13 anos.

O Club de Lectura Infantil de Mesoiro participando nun encontro co escritor e poeta Antonio García Teijeiro (marzo de 2022)

E lembra que, ademais das actividades, ofrecemos de luns a venres o servizo de préstamo, cunha colección de libros e películas para todas as idades e a posibilidade de solicitar máis libros e películas a outras bibliotecas se no punto de préstamo non temos o que precisas.

Punto de Préstamo de Mesoiro. Visítanos!

Deixar un comentario

Blog en WordPress.com.

Subir ↑