… escolas que contan! É a última fase presencial do programa prelector BbEscolas e na que o alumnado de 2 a 3 anos visita a Biblioteca Municipal Ágora -como espazo de encontro e descuberta- para coñecer a casa de Beba e as historias que se agochan nela.
Durante este curso 2021/22, 165 crianzas e 21 persoas educadoras tiveron a oportunidade de mergullarse nun dos grandes clásicos adaptados baixo o contexto do 75 aniversario do falecemento de Rudyard Kipling, ademais de descubrir algún dos personaxes máis importantes da literatura universal.
O LABOR PREVIO
Sempre falamos da esencialidade que ten o traballo desenvolto polas Escolas Infantís para que as BbEscolas dean os seus froitos. E novamente, grazas a súa implicación, segue a ser posible.

O persoal educador recibiu unha Guía Didáctica con materiais de apoio para traballar na aula durante o mes previo á 3.ª fase do programa co fin de que as nenas e nenos puidesen obter un maior rendemento da visita; espertando así o interese do alumnado e establecendo uns puntos de partida para unha maior comprensión e goce da historia escollida.
Como resultado: as crianzas aterraron na biblioteca chamando por Beba, identificando personaxes, presentando unha actitude positiva cara aos libros e participando motivadas polas que son as súas persoas de referencia no día a día escolar.
A SELVA
De todos os contos que tiña gardados, decanteime por un SALVAXEMENTE FELIZ que fala de animais en liberdade, de amizade e dunha selva con moitas posibilidades –di Beba-.

O libro da selva de Rudyard Kipling foi a obra escollida para achegar ás …escolas que contan!, a un dos grandes clásicos da literatura universal. Seguindo a estética da proposta bibliográfica que fai Editorial Alma, presentamos unha adaptación na que a lectura en voz alta, a presenza de imaxes, música, luces e sombras, movemento e acción, contribuíron a crear un ambiente máxico, que espertou e mantivo a atención do alumnado en idades tan temperás sobre a historia narrada de Mowgli; ademais de lle proporcionar recursos e ferramentas ao persoal educador.
Rompeuse o ritmo, introducíronse elementos sorpresa, xogouse cos silencios e a cadencia dos textos, a sonoridade das palabras, a entoación e a emoción.

Mais se algo gusta das BbEscolas é que se basean nunha metodoloxía activa e participativa cun marcado carácter lúdico, interactivo e creativo; onde as nosas claves para gozar da lectura son flexibles e adáptanse aos obxectivos e fases do programa e da idade do alumnado.

Observamos tamén como as sesións deixan pegada: tanto crianzas como profesorado lembran con entusiasmo a Beba, os contos, os personaxes e as sorpresas vividas na biblioteca.
O MÁIS VITAL
Sempre é a exploración final! Xa que implica unha interacción directa co fondo bibliográfico da Bebeteca e convértese no peche axeitado para enriquecer a relación de nenas e nenos coa lectura dende as primeiras idades. De xeito paralelo, as crianzas poden identificar por si mesmas as lecturas acaídas para a súa idade xa que van sinalizadas coa imaxe de Beba que –a modo de pictograma- se atopa na portada do libro.

Chega así o remate dun curso intenso e emocionante onde a comunicación biblioteca-escola-familias favoreceu o coñecemento dos servizos e recursos da biblioteca xunto coa chegada de novas persoas socias á rede.
Mais se algo resulta destacable é que puidemos gozar de todo o que implica a lectura nunha comunidade afianzada: familias-escola-bibliotecas. Foi un pracer!
MOITAS GRAZAS e FELICES VACACIÓNS!
Deixar unha resposta