Reseña de Elena Álvarez
Texto: Maria Martínez i Vendrell
Idea e ilustracións: Carme Solé Vendrell
Esta é a historia dunha nena de fermoso pelo recollido en dúas longas trenzas. Son o seu orgullo, a súa distinción. Mamá tamén as admira, mágoa que agora non poida peitealas, non se atopa ben, e ninguén sabe facelo como ela. Aos outros adultos da casa non lles importan, só as ven como un capricho que entorpece o seu aseo.
Finalmente chega o día que tanto teme: vanlle cortar o pelo. Que fará agora a nena sen as súas adoradas trenzas, fundamento da súa autoestima, mentres mamá apágase sen poder consolala.
Baseada nun acontecemento da infancia de Carme Solé, Yo las quería relata o proceso de perda e de crecemento da protagonista nun ton intimista, poético, que nos acolle desde a primeira frase a pesar do dramatismo que se albisca. Un conto resolvido con intelixencia e delicadeza onde os sorrisos diluirán a tristeza grazas á cálida lembranza do amor maternal.
Non queremos deixar de mencionar o traballo de Carme Solé Vendrell, unha das ilustradoras máis recoñecidas do noso país. A sinxeleza das súas figuras, as caras redondiñas nas que unha leve modificación na inclinación de ollos e boca transmite distintos estados de ánimo, xunto coa aplicación sutil da cor, logran ilustracións tan poéticas como o propio texto.
Atopámonos ante unha narración idónea para lectura en voz alta coa mediación dunha persoa adulta quen poderá enriquecer a comprensión do relato.
Recomendámolo a partir de 7 anos (e moito máis, eu téñoo lido una chea de veces).
Outras obras de Solé Vendrell como autora ou ilustradora nas bibliotecas municipais da Coruña:
Abaixo tedes un vídeo onde Carme Solé explica como aborda a ilustración dun conto como, por exemplo, “Muñeco de barro”.
Non esquezades que tedes á vosa disposición o catálogo das nosas bibliotecas onde podedes facer búsquedas do voso interese (mesmo do que non vos interesa tamén, nunca se sabe a de cousas suxerentes que se poden atopar)
Qué ternura de cuento y que bonita reseña! Gracias Elena
Que bonita recomendación!
Qué bonita recomendación!