Un libro ao teu carón: Festa do Libro 2023: accións orientadas a público infanto-xuvenil


Esta pasada semana celebramos nas bibliotecas a campaña “Un libro a carón de ti: festa do libro 2023”, arredor da efeméride do Día do Libro, o 23 de abril.

Comezamos a festa o luns 17 de abril con mostras e soltas de libros, que se estenderon ao longo de toda a semana. Nestas actividades, os libros infantís e xuvenís compartiron espazo cos libros para adultos. Entre as follas dos libros repartimos uns marcapáxinas sostibles ben fermosos e curriños, feitos en papel de sementes de tomate. Se tes un, podes probar a plantalo!

Mais especificamente para a xente nova da casa, en concreto para xentiña de entre 8 e 12 anos, o martes 18 de abril Andrea Barreira estivo na biblioteca Durán Loriga impartindo un obradoiro de relato exprés que levaba por título “Rápida”; e logo, por que non ía ser rápida a forma de construír un relato divertido?

Na mesma biblioteca estivo Lúa Mosquetera, acompañada do guitarrista Pablo Seijas, quen trouxeron poesía millennial e música para mozas e mozos de 14 anos en diante. Foi unha actividade moi especial para quen a viviron. Peliños crechos!

Mércores e xoves albergamos cadanseu obradoiro de cómic para a cativada entre 8 e 12 anos na biblioteca Monte Alto e na biblioteca Ágora. Na primeira, a introdución neste mundo ocorreu da man do xenial Santy Gutiérrez, mentres que na segunda o experto en viñetas foi o fenómeno Yago García. Calquera dos dous acadou a ilusión de facernos sentir grandes debuxantes! Quen sabe? Todo pode ser!

O venres volveu Lúa Mosquetera, tamén con Pablo Seijas, e nesta ocasión na biblioteca Rosales. Alí compartiu a súa arte creativa con público de todas as idades, como contrapunto á visita de Durán Loriga. A mesma poeta e dous recitais diferentes e fabulosos!

O sábado completamos o programa de actividades na biblioteca Sagrada Familia, cun obradoiro creativo: “Contos, cubismo, e artistas do vangardismo”, que correu a cargo da Asociación Cultural Mirlotil. Aprendemos moito e pasámolo fenomenal!

Agora que o Día do Libro rematou e todos os días volven ser días con libros, esperamos con ilusión o que depararán as xornadas que estamos argallando para festexar o día das Letras Galegas!

Deixar un comentario

Blog en WordPress.com.

Subir ↑