Unha noite, á luz da lúa chea, atopouse un ovo enriba dunha folla verde. Nada máis saír o sol… PLOP!!! do ovo saíu unha eiruga pequerrecha e moi larpeira…
Na Bbteca Ágora comezamos un novo ciclo! Deixamos atrás a Jo Lodge e ao seu Señor Coc para desfrutar con novas e emocionantes aventuras da man doutros recoñecidos autores e ilustradores da Literatura Infantil.
Dezanove bebés, acompañados das súas respectivas familias, percorreron moitos quilómetros cun único obxectivo: coñecer a Eric Carle e gozar coas súas personaxes!
Un oso pardo e unha eiruga moi larpeira foron os elementos motivadores elixidos para guiar a trama da sesión, creando unha simbiose de arte e natureza que tiveron como nexo de unión a lectura de imaxes.
Recoñecemos, identificamos e imaxinamos
Co obxectivo de estimular a atención dos bebés, plantexamos un xogo rítmico de luces e sombras. Sinxelas ilustracións, nas que predominaron os fondos brancos, servíronnos para que os bebés e as súas familias recoñeceran, identificaran e imaxinaran ser cada un dos animais que Eric Carle ilustrou no seu conto Oso pardo, oso pardo … que ves?
Ao ritmo de Dave Brubeck e da banda británica The Cure, fixemos un percorrido polos días da semana e degustamos xunto a unha pequena eiruga, un amplo surtido de froitas e outros manxares larpeiros! A nosa finalidade? ter un primeiro achegamento ao ciclo vital dunha eiruga: dende que sae do ovo ata que se converte nunha fermosa bolboreta.
… construiu unha casiña ao seu redor e ficou dentro máis de dúas semanas. Un día mordeu a súa casiña e saíu voando… convertérase nunha FERMOSA BOLBORETA!!

Estas e outras imaxes podedes consultalas no Flickr das Bibliotecas Municipais!
Esperámosvos o vindeiro mes de Febreiro con novas e sorprendentes aventuras!!
