Que a lectura de contos aos máis pequenos dende o seu nacemento é un xeito de estimular a adquisición da linguaxe e das capacidades comunicativas, é unha recomendación que como Bibliotecas con programas e espazos adicados aos bebés levamos facendo nos últimos anos.
O reforzamento deste consello, chegaba a finais do mes de xuño nun artigo publicado pola Academia Americana de Pediatría (APP) que sinalaba que a lectura con regularidade nos primeiros anos de vida estimulaba o cerebro e fortalecía a relación cos pais/nais nos momentos máis importantes do seu desenvolvemento.
Pero ademais da recomendación dos especialistas do ámbito médico de privilexiar a lectura nas idades temperás, é destacable que, neste caso, quen nos facía a achega era unha nai seguidora do blog da Bebeteca que descubría a nova nun xornal e decidía compartila con nós e facela extensible a todas as persoas interesadas na materia.
Así que aproveitamos para que como Natividad, todos vos sumedes a recomendar, achegar novidades, comentar e mesmo publicar nun futuro próximo. Retroalimentar para facer do blog unha ferramenta viva e dinámica.
Do mesmo xeito, convidámosvos e animámosvos a seguires visitando durante o periodo estival as nosas Bebetecas. Nelas, e co asesoramento do persoal bibliotecario, poderedes atoparvos cunha ampla variedade bibliográfica coa que fomentar o gusto pola lectura no fogar.
Contos sinxelos e atractivos, cheos de conceptos básicos e de vocabulario cercano ao mundo que rodea ao bebé, historias máis complexas coas que os pícaros desenvolverán a súa imaxinación e creatividade sentíndose participativos, ou contos onde poidan aportar experiencias propias e opinións.
Deixar unha resposta