“Todos son benvidos”
Con estas palabras encabezaba un artigo hai uns anos Barbara J.Ford, a ex presidenta da Asociación de Bibliotecas Americanas e directora durante moitos anos do “Centro Mortenson” da Universidade de Illinois, especializado en fortalecer os lazos internacionais entre bibliotecarios.
Pois ben, dende a Biblioteca Ágora facemos nosas estas palabras e, como biblioteca pública con pretensións integradoras e de participación, aproveitamos o feedback que nos chega desde a Biblioteca Luísa Villalta do IES Isaac Díaz Pardo de Sada, da man da súa profesora Charo Vázquez Mourín. “Todos sodes benvidos”
E é que tras o seu paso pola biblioteca o pasado 16 de outubro, varios grupos de 3º da ESO do Díaz Pardo de Sada fixéronnos chegar algunhas crónicas de carácter xornalístico, onde abordaban aqueles aspectos que máis lles chamaran a atención do seu paso por aquí. E sabedes que espazo reseñaron nos seus traballos de forma maioritaria? A BEBETECA.
“Nuestra opinión sobre la Bebeteca es que es un lugar acogedor y agradable. Este espacio es poco conocido, aunque está muy bien ambientado para los bebés.
Consideramos que se debería dar a conocer dado que es un espacio educativo y original”.
Ao poñermos en valor achegas coma estas tentamos visibilizar o traballo que desde moitos IES se fai na procura de que a mocidade coñeza todos os recursos e servizos que ten á súa disposición.
Ao tempo, queremos tamén reforzar, cara os mozos e mozas que nos visitan, a idea da biblioteca como “un terceiro lugar”, un espazo público de encontro que acolle a todo tipo de persoas fóra dos ámbitos do fogar e o traballo.
Para nós, nese sentido, é motivo de orgullo que a mocidade considere a nosa bebeteca e, á biblioteca pública en xeral, como un espazo de valor para a comunidade á que serve.
Desde aquí grazas a tod@s, aos que nos visitades e participades “neste salón de actos da comunidade”, aos que todos os días vivides a biblioteca como unha experiencia social positiva e, especialmente, aos que axudades a facer disto “un espazo para todo o mundo”.
“Sempre sodes benvidos”
Deixar unha resposta