Sete escolas infantís (Parrulos Ventorrillo, Xénese, Bicos, Nazaret, Galiña Azul Ventorrillo, Agra do Orzán e Carme Cervigón Padre Rubinos) e máis de douscentos pequenos foron os protagonistas das nosas mañás do mes de maio na Biblioteca Ágora.
Ao longo de nove días compartimos co profesorado, as familias e parte do persoal das escolas da nosa contorna a idea que representa o programa de Bebescolas: chegar a todo o mundo e facer da Bebeteca un espazo equilibrador.
- Compartindo a maleta viaxeira da Beba, Escola Infantil Xénese
Para iso, e tendo como protagonistas aos contos, fomos quen de, cun lápis, vivir a experiencia do conto a través dun trazo, e foron os nenos e nenas quen guiaron a sesión imaxinando a historia que nós trasladabamos con música e mímica.
- Cos pequenos de Padre Rubinos, seguindo á protagonista do conto de Paula Bossio
Como diciamos no mes de febreiro, a escola xoga un papel prioritario no desenvolvemento da lectura. É por iso que foi unha alegría para nós ver que a complementariedade coa que se entendeu a colaboración entre escolas infantís e biblioteca deu os seus froitos.

Mais tamén nós recibimos sorpresas e agasallos. Dende a escola de recente apertura Padre Rubinos presentáronnos a súa mascota, o polbo Roque; os pequenos da Galiña Azul prepararon unha regadeira co seu nome para recibir á nosa mascota Beba e, desde a escola infantil Xénese ensináronnos a maleta que todos os pequenos levaron para a súa casa, presentando a bebeteca a través da nosa mascota entre as súas familias. Todas e cada unha das escolas participantes, ademais, agasalláronnos cos debuxos que os pequenos realizaron, seguindo a liña de imaxinación e creatividade na que se baseaba a sesión.

Finalmente, con este traballo día tras día confirmamos tamén que a nosa existencia como biblioteca de barrio ao servizo da comunidade xa non se entende sen a colaboración e traballo conxunto coas nosas escolas infantís. Queremos por iso agradecerlles, tanto ás que levan participando do programa dende o inicio como ás que co devir do tempo se foron sumando ao proxecto, a súa implicación e traballo a prol da promoción lectora.
E nada máis. Agardamos que a experiencia da participación neste programa tivera resultado proveitosa para cada un dos vosos pequen@s alumn@s e despedímonos lembrando que contamos con todas vós para o vindeiro curso.
Até pronto!!!
Deixar unha resposta