Hai tempo que tiñamos ganas de compartir con vós un post centrado nas músicas que empregamos nas sesións da nosa Bbteca, tanto para poñermos en común a importancia que nós lle outorgamos ao emprego da música como ferramenta comunicativa cara aos bebés como tamén pola posibilidade que abre para sabermos a vosa opinión sobre a escolla e o uso que facemos das diferentes músicas ao longo do calendario anual do programa.

Como sabedes -e quen tivestes ocasión de facer parte dos Bbencontros podedes acreditalo- a música é, sen dúbida, un dos factores máis importantes no deseño e no desenvolvemento das nosas sesións. Axúdanos a crear un ambiente propicio para a presentación dos contidos, contribúe a suxerir emocións e a reforzar os elementos visuais cos que traballamos as historias -a nivel xestual e corporal- e marca os diferentes momentos do bebencontro: na benvida, con ritmos máis dinámicos; no desenvolvemento dos contos, con músicas axeitadas para o seu acompañamento; na exploración final, con melodías máis relaxantes. A importancia do uso das músicas é tal que moitas veces é o texto quen se subordina ao ritmo da propia canción, por ser esta quen mellor transmite as sensacións e os contidos que queremos facer chegar aos bebés.

Canto á escolla, o criterio que empregamos é simplemente que resulten axeitadas para comunicar o que queremos, sen nos limitar a ningún estilo ou prexuízo estético previo. O resultado, desta maneira, é ecléctico e rico en matices, e para nós vólvese un pracer comprobar como poden interactuar textos e ilustracións dirixidas aos máis pequenos con cancións que non definiriamos nunca como infantís. O resultado, do noso punto de vista, é suxerente, interesante e, sobre todo, eficaz. Funciona, gusta, acompaña. Mantén a atención dos bebés e reforza os contidos a transmitir.

Lembramos por iso aquí algunhas das maridaxes propostas. Eric Carle con Duke Ellington ou The Cure, Hervé Tullet con Bjork e a Orquestra Riverside, Paula Bossio con St. Germain, Strauss e Dave Brubeck, Noemí Villamuza con Tom Zé, Guadi Galego, Fanfare Ciocarlia e Moby, Jo Lodge con Wim Mertens e Toquinho… En definitiva, unha verdadeira festa de combinacións sen complexos, de mesturas capaces de provocar o gozo estético tanto dos bebés como dos pais e nais asistentes.
Mais se en todos os casos as músicas seleccionadas resultan básicas para o desenvolvemento das sesións, nalgunhas foron directamente as súas protagonistas centrais. Ocorreu desa maneira, por exemplo, na deseñada arredor da tradición dos arrolos e das cantigas de berce (na que empregamos diferentes creacións de Xabier Díaz e do seu fermosísimo disco Arrolos de salitre) e igualmente na que desenvolvemos para traballar a multiculturalidade, para a cal aproveitamos diferentes volumes da estupenda colección de Kókinos sobre as músicas do planeta, singularmente os relacionados coa África negra e o mundo da lusofonía.
Gustaríanos, porén, complementar este noso post coa vosa opinión. Interésanos saber que vos pareceu o emprego das músicas naquelas sesións das que fostes partícipes, e igualmente coñecer a vosa experiencia particular, nos vosos fogares, con artistas ou con cancións en concreto, en relación á atención, emoción e resposta dos vosos bebés.
A estas alturas xa seguramente teredes lido moito sobre o efecto Mozart, ou saberedes da importancia de xogar e investigar sobre a clase de música da que gosta o voso bebé. Escoller diferentes tipos de música e ver as súas reaccións pode ser un exercicio, neste sentido, útil e divertido a un tempo. Polo que indican os expertos, ao comezo é probable que lle agraden as músicas máis suaves, para despois ir variando os seus gustos a medida que vaia medrando.
En fin, neste post non tiñamos máis pretensión que facer unha simple achega ao papel da música nos nosos Bebencontros e, por extensión, aos beneficios do uso da música como ferramenta para a estimulación dos bebés. Agardamos que fose do voso interese e convidámosvos a seguir experimentando pola vosa conta. E aínda que o programa dos BBencontros xa rematou e non volveremos até o mes de outubro, neste caso non queremos marchar “coa música a outra parte”. Que quede con nós e que non nos falte!
Deixar unha resposta