Mediante o xogo as e os bebés poden expresar as súas emocións, os seus pensamentos e os seus sentimentos, tamén lles serven para relacionárense co mundo que as/os rodea, achegándolles benestar e un desenvolvemento positivo. Co xogo estimulan o desenvolvemento: social, afectivo, cognitivo, motriz e lingüístico.
Segundo Piaget, desde o nacemento ata os dous anos é a etapa sensomotriz. Etapa que se define pola interacción física coa contorna. O desenvolvemento cognitivo, neste momento, articúlase a través dun xogo que é experimental e que se pode asociar tamén a certas experiencias que xorden da interacción con persoas, obxectos ou animais.
Podemos dicir que un xoguete é calquera obxecto ou material que o/a neno/a emprega nos seus xogos e que lle permite desenvolver as súas capacidades de aprendizaxe e estimula a súa imaxinación, fantasía e creatividade.
Á hora de elixir os xoguetes para as e os bebés da etapa 0-2 anos debemos ter en conta as seguintes recomendacións:
1.- Debe ser adecuado para a etapa de desenvolvemento cognitivo en que se encontra.
2.- Ten que ser seguro.
3.- Non será utilizado para reproducir estereotipos sexistas.
4.- Debe potenciar o desenvolvemento da creatividade e da imaxinación.
5.- Debe atraer a súa atención.
6.- Debe permitirlle desenvolver a psicomotricidade fina.
7.- Debe permitir realizar actividade física.
8.- Debe axudar no desenvolvemento da linguaxe para interactuar coas demais persoas.

Xoguetes NON recomendados para a etapa 0-2 anos:
1.- Aqueles onde o/a bebé se converte en suxeito pasivo e non é capaz de interaccionar nin cos pais nin con outros/as nenos/as interferindo no desenvolvemento da atención, concentración e autocontrol.
2- Xoguetes electrónicos.
3.- Pantallas.
4.- Xoguetes que non estean convenientemente etiquetados coa marca CE (Conformidade Europea). CE é un distintivo obrigatorio en todos os xoguetes comercializados na Área Económica Europea mediante o que o fabricante indica que o xoguete cumpre os requisitos establecidos na lexislación comunitaria.
Segundo di Álvaro Bilbao: “Canto máis fai o xoguete, menos se activa o cerebro do/a neno/a”, é dicir, con poucos xoguetes e adecuados, as nenas e os nenos xogan máis e mellor.
A continuación deixámosvos unha guía de lectura para ás/os máis peques sobre a tématica do xogo. Todos os documentos os podedes atopar no catálogo online das Bibliotecas Municipais da Coruña. Agardamos a desfrutedes!
Deixar unha resposta