O voo da lectura


Nas bibliotecas gústanos colaborar cos centros educativos!

O programa BbEscolas leva desenvolvéndose desde o ano 2014 na Biblioteca Municipal Ágora. Son moitas as historias que quedaron polo camiño durante a súa andaina, achegando ás Escolas Infantís a biblioteca como un espazo de encontro e descuberta para as crianzas máis pequenas.

Nos nosos itinerarios recompílanse viaxes de ida e encontros de volta sempre con Beba -a regadeira máis bulideira da Bebeteca- ás nosas costas. Ao seu carón estamos as bibliotecarias infantís. Ás veces con maletas e bolsas, outras con contos na cabeza e nas mans, mais sempre con moita ilusión por achegármonos a un sector da poboación moi importante para nós: as futuras usuarias e usuarios das bibliotecas.

Todo isto é posible grazas ao labor das escolas, que xogan un papel prioritario no desenvolvemento da lectura. É por iso que foi unha ledicia para nós ver que a complementariedade coa que se entendeu a colaboración entre escolas infantís e biblioteca deu os seus froitos.

Este ano, e tras a paréntese ocasionada pola pandemia, retomamos o contacto coas Escolas Infantís. Con dispoñibilidade total e moitas ganas de traballar de maneira conxunta, arrancamos un curso 2021/22 cheo de accións e ilusión.

Xunto cun catálogo de servizos permanentes –que abrangue desde o carné da entidade ata a colaboración e orientación da biblioteca escolar-, conviven conexións en liña con Bebaitinerarios de ida e volta e, por primeira vez, unha folla voandeira.

VOANDEIRA é un espazo informativo trimestral no que compartir experiencias educativas en relación coa lectura. Tamén inclúe recomendacións lectoras para nenas e nenos de 1 a 3 anos, persoal educador e familias, novas da Biblioteca Municipal Ágora e pequenas pílulas para favorecer a lectura no fogar; ademais dunha sección de boas prácticas na que as escolas infantís poden compartir as diversas experiencias educativas que levan a cabo en relación coa lectura, cuxos resultados son óptimos e poden resultar eficaces para implementar noutros centros educativos.

Co fin de achegarnos a todas as persoas que formades parte do proceso de alfabetización das crianzas, compartimos con vós a primeira edición desta Voandeira!

Máis nada que vos desexar un BO NADAL FELIZ ANINOVO 2022!

Deixar un comentario

Blog en WordPress.com.

Subir ↑