Nin máis nin menos que 10


Recorda que hoxe viñemos ás escolas para festexar o teu aniversario, o aniversario dos teus contos e das túas historias… – di a bibliotecaria. E tamén do xogo, da imaxinación, da arte, das cores, da música… da maxia das palabras! – responde Beba”

Así comezamos unha nova itinerancia coa felicidade de cumprir anos. Nin máis nin menos que 10! Unha década sumando contos e outorgándolles a maxia que merecen. Vendo como nenas e nenos se mergullan na fantasía e contaxian coa inocencia da súa descuberta, sentindo como as escolas infantís colaboran coa biblioteca para que as viaxes de ida e volta den os seus froitos e recibindo as familias que veñen na procura das primeiras historias.

10 anos nos que puidemos premer puntos de cores, comer un confeito e contar até catro unha e outra vez. 10 anos nos que foi posible escapar dun oso peludo e monstroso, escorrentar un gran peixe e debuxar flores tal e como o universo Tullet merece.

Nin máis nin menos que dez!

Encántanos Tullet! Permite liberdade e innovación. Céntrase nas “ideas” a través de pequenos xogos para os ollos e mente de nenas e nenos. Gústanos exprimilos sempre que podemos, incluso para romper barreiras e achegar a lectura a todas as persoas. Durante as sesións, observamos como algo tan sinxelo como darlle a volta aos seus libros ou ir dende o fin até o principio, espértalles a curiosidade e alenta a imaxinación.

A sonoridade tamén está servida. Desta vez, da man de Mar Benegas. Di de si mesma que lle gustan as palabras; porque con elas constrúe versos e contos, e cos versos e contos, ás veces, constrúe libros. As súas propostas son atractivas. Moitas delas forman parte de enredos visuais que se completan cando son escoitados, xogados e compartidos pola persoa adulta.

Tendo en conta o binomio anterior e partindo das posibilidades que amosan as obras de ambos autores, construimos o noso propio libro: unha viaxe sensorial durante a que Beba imaxina, descobre, escoita, pinta, móvese e xoga coas palabras. Fronte a ela, os verdadeiros protagonistas: nenas e nenos que blopean e seguen a luz da lanterna mentres camiñan devagar pola maxia que envolve a lectura en voz alta.

Partituras de Mozart, Alphaville e Franco Battiato amenizaron unha viaxe na que a musicalidade supón unha chiscadela importante.

O valor do equipo ten un agradecemento ben merecido. Durante estes dez anos, o persoal da Biblioteca Municipal Ágora posibilitou o desenvolvemento do programa BbEscolas. Con ilusión, moito esforzo e profesionalidade conseguiu achegar a biblioteca ás escolas infantís, contaxiando lectura e creando unha asentada comunidade prelectora chea de experiencias e aprendizaxe.

68 VISITAS + 1534 NENAS E NENOS DE 2 A 3 ANOS + 196 PERSOAS EDUCADORAS + 9 BIBLIOTECARIAS + 8 ESCOLAS INFANTÍS | 10 ANOS DE CONTOS QUE CAMIÑAN

GRAZAS! Tan só queda seguir sumando nin máis nin menos que… outros 10 ANOS

Deixar un comentario

Blog en WordPress.com.

Subir ↑