Escoita en galego


Baixo o lema “Sinte en galego: Letras Galegas 2023“, as Bibliotecas Municipais da Coruña queremos convidar á veciñanza a sentir en galego, organizando diversas actividades, a partir do venres 12 de maio e ata o venres 19, onde o galego será o epicentro da festa.

As bibliotecas visibilizamos o compromiso coa lingua e a literatura, non só nos libros. Este ano na Biblioteca Fórum as mostras bibliográficas que conmemoran este día fan especial fincapé na música en galego. Na sala infantil destacamos unha selección de música de raíz para as familias.

Estade moi atentas/os, que aquí van as nosas recomendacións para cantar, bailar, sentir, xogar, escoitar… en galego!

No libro-disco Bravas de A Gramola Gominola, un grupo de rock para as/os máis pequenas/os, podedes atopar temazos como este… Súperlingua en versión karaoke para cantar en galego!

Aínda que menos popular nestes tempos, o formato CD segue a ter lugar nas nosas estanterías. Recomendámosvos traballos como os de Pablo Díaz, Pirilampo ou Fol do Vento.

Dentro da música en galego para os máis miudíños, tamén atopamos o traballo de Cé Orquestra Pantasma, onde o músico autodidacta e apaixoado dos instrumentos, César Freiria, fainos gozar da música transformado nun fantástico home orquestra. Deixámosvos a nosa favorita, titulada Cinco dediños, do libro-CD Fíos do querer, que nós mesmas adaptamos e empregamos para as sesións de BebEncontros e BebEscolas.

Uxía Lambona e a Banda Molona ofrécenos cancións populares recollidas da música tradicional galega, coma a da Saia da Carolina, adaptadas a diferentes estilos musicais: pop, rock, rap…

Dentro das últimas novidades na Biblioteca Fórum, contamos co novo traballo de Pakolas: A Ramona pequena vai á Lúa, libro-disco que incorpora un código QR para aqueles que non dispoñan de reproductor. Paco convídanos a: “viaxar coa Ramona pequena dende os seus pensamentos ata a Lúa, dende as súas inquedanzas ata as súas xenialidades e dende o seu maxín ata onde queiras chegar.  Quebra os límites con nós nesta nova aventura rockeira!

Hai moitos outros proxectos musicais nas Bibliotecas Municipais da Coruña que merecen mención como: Paco Nogueiras, Magín Blanco, Mamá Cabra, María Fumaça, Pitusa Semifusa, Migallas, Chuches Amil, As Maimiñas

Se queredes levar algún destes documentos emprestado a casa, podedes aproveitar as actividades que ofrecemos na Festa das Letras Galegas: Sinte en Galego. Este venres temos un Contacontos para escoitar mentres bailamos un valse da man de Caxoto na Biblioteca Fórum ás 18h., para nenas e nenos de 4 a 8 anos, previa inscrición na seguinte ligazón. Agardámosvos!

Deixar un comentario

Blog en WordPress.com.

Subir ↑