El lago de los chanchos


Reseña de Elena Álvarez

El lago de los chanchos. James Marshall, Maurice Sendak. Editado por Kalandraka.

Velaí un lobo esfamado na busca dunha presa coa que encher o bandullo. Tan escuálido e desastrado ía que lle chamaron can vello. E abofé que ben o parecía, e non un lobo feroz.

Co orgullo ferido continuou o seu vagar cando, de súbito, un delicioso olor a rancho encheu o seu fociño. Perseguiu o rastro ata chegar a porta dun teatro onde se apiñaba unha morea de refinados porcos ansiosos por ver… un ballet!

Quixo a sorte que el poidese entrar inadvertido no medio do tropel. Acomodouse na butaca a espera do momento propicio para botarlle o dente a un deses repoludos animaliños.

Apagáronse ás luces, o silencio avanzou pola sala, comenzou a función. Saiu ao escenario o elenco da compañía composto por cochos entrados en carnes que danzaban con donaire unha coreografía seguindo a fermosa música.

O noso lobo quedou abraiado, nunca vira tal. So tiña ollos e sentidos para o que viña de descubrir: a beleza da danza. Estremeceuno. Conectou co seu ser máis íntimo, profundo, descoñecido ata ese intre. Foi unha emoción tan intensa que mesmo esqueceu a miseria e a fame que o atormentaba.

Ao día seguinte volveu ao teatro. Arrastrado por un desexo indomable presentouse no escenario e comenzou a brincar e a debuxar piruetas ao compás da melodía.

Foi un éxito. A crítica aplaudiu a audaz actuación dun bailarín caracterizado de lobo feroz.

Sentiuse tan orgulloso. El era un auténtico lobo amante do ballet. Descubrira a súa verdadera identidade, non podía estar máis feliz.

Niso consiste medrar, non si?, no autocoñecemento e formación da identidade congruente con nós a fin de desenvolvernos en harmonía.

James Marsall preséntanos un conto áxil, divertido dende o título ata a última frase. Comparte edición, en perfecta simbiose, co gran Maurice Sendak na faceta de ilustrador. Tal é a importancia do seu traballo que os debuxos ocupan tanto ou máis co texto.

Amplas roupaxes, liñas curvas imprimen movemento ás escenas. Escenas prolixas, cheas de chiscadelas. Unhas suliñan o ton humorístico da narración, outras son referencias culturais, ou ben inquietudes sociais como xa apareceran no conto En el vertedero de Juan y Pedro. Son imaxes para ler con esmero, investigar con curiosidade. Este é un metalibro que se extende máis aló da propia historia.

Recomendámosvolo a partir dos seis anos.

Non esquezades que tedes á vosa disposición o catálogo das nosas bibliotecas onde podedes facer búsquedas do voso interese (mesmo do que non vos interesa tamén, nunca se sabe a de cousas suxerentes que se poden atopar…)

Datos prácticos: El lago de los chanchos

  • Título: El lago de los chanchos
  • Autor: James Marshall
  • Ilustrador: Maurice Sendak
  • Editorial: Kalandraka
  • Páginas: 40
  • Formato mediano y tapa dura

2 opiniones sobre “El lago de los chanchos

Add yours

  1. Sen dúbida é un deses libros que merecen ser descubertos e disfrutados unha e outra vez. Non o coñecía e chamoume moito a atención e animeime a lelo e descubrir unha historia, aparentemente sinxela e graciosa, pero que deixa unha pegada especial.

    Sen este post non tería chegado a el, así que de verdade, moitas grazas por compartir esta recomendación!!!

  2. Non coñecía este conto, pero sabendo quen é o ilustrador, teño que decir que agora estou máis que animada a lelo. Semella unha desas historias que, baixo a súa apariencia sinxela, gardan unha profundidade que sorprende.

    Sen este post, seguramente non tería chegado a el, así que de verdade, moitas grazas!!!

Deixar un comentario

Blog en WordPress.com.

Subir ↑