Reseña de Elena Álvarez
El lago de los chanchos. James Marshall, Maurice Sendak. Editado por Kalandraka.
Velaí un lobo esfamado na busca dunha presa coa que encher o bandullo. Tan escuálido e desastrado ía que lle chamaron can vello. E abofé que ben o parecía, e non un lobo feroz.
Co orgullo ferido continuou o seu vagar cando, de súbito, un delicioso olor a rancho encheu o seu fociño. Perseguiu o rastro ata chegar a porta dun teatro onde se apiñaba unha morea de refinados porcos ansiosos por ver… un ballet!
Quixo a sorte que el poidese entrar inadvertido no medio do tropel. Acomodouse na butaca a espera do momento propicio para botarlle o dente a un deses repoludos animaliños.
Apagáronse ás luces, o silencio avanzou pola sala, comenzou a función. Saiu ao escenario o elenco da compañía composto por cochos entrados en carnes que danzaban con donaire unha coreografía seguindo a fermosa música.
O noso lobo quedou abraiado, nunca vira tal. So tiña ollos e sentidos para o que viña de descubrir: a beleza da danza. Estremeceuno. Conectou co seu ser máis íntimo, profundo, descoñecido ata ese intre. Foi unha emoción tan intensa que mesmo esqueceu a miseria e a fame que o atormentaba.
Ao día seguinte volveu ao teatro. Arrastrado por un desexo indomable presentouse no escenario e comenzou a brincar e a debuxar piruetas ao compás da melodía.
Foi un éxito. A crítica aplaudiu a audaz actuación dun bailarín caracterizado de lobo feroz.
Sentiuse tan orgulloso. El era un auténtico lobo amante do ballet. Descubrira a súa verdadera identidade, non podía estar máis feliz.
Niso consiste medrar, non si?, no autocoñecemento e formación da identidade congruente con nós a fin de desenvolvernos en harmonía.
James Marsall preséntanos un conto áxil, divertido dende o título ata a última frase. Comparte edición, en perfecta simbiose, co gran Maurice Sendak na faceta de ilustrador. Tal é a importancia do seu traballo que os debuxos ocupan tanto ou máis co texto.
Amplas roupaxes, liñas curvas imprimen movemento ás escenas. Escenas prolixas, cheas de chiscadelas. Unhas suliñan o ton humorístico da narración, outras son referencias culturais, ou ben inquietudes sociais como xa apareceran no conto En el vertedero de Juan y Pedro. Son imaxes para ler con esmero, investigar con curiosidade. Este é un metalibro que se extende máis aló da propia historia.
Recomendámosvolo a partir dos seis anos.
Non esquezades que tedes á vosa disposición o catálogo das nosas bibliotecas onde podedes facer búsquedas do voso interese (mesmo do que non vos interesa tamén, nunca se sabe a de cousas suxerentes que se poden atopar…)
Datos prácticos: El lago de los chanchos
- Título: El lago de los chanchos
- Autor: James Marshall
- Ilustrador: Maurice Sendak
- Editorial: Kalandraka
- Páginas: 40
- Formato mediano y tapa dura
Sen dúbida é un deses libros que merecen ser descubertos e disfrutados unha e outra vez. Non o coñecía e chamoume moito a atención e animeime a lelo e descubrir unha historia, aparentemente sinxela e graciosa, pero que deixa unha pegada especial.
Sen este post non tería chegado a el, así que de verdade, moitas grazas por compartir esta recomendación!!!
Non coñecía este conto, pero sabendo quen é o ilustrador, teño que decir que agora estou máis que animada a lelo. Semella unha desas historias que, baixo a súa apariencia sinxela, gardan unha profundidade que sorprende.
Sen este post, seguramente non tería chegado a el, así que de verdade, moitas grazas!!!