Da man do Señor Coc comezamos o sábado pasado, 25 de outubro, unha nova andanza dos Bebencontros na Biblioteca municipal Infantil e Xuvenil. Con Martín, Ricardo, Noa, Miguel Anxo, Lía, Pablo, Simón, Vera e Nuno entramos na casa do señor Coc, descubrimos cada unha das súas estancias e o que nelas fai tódolos días.
Todos xuntos acompañámolo cun contiño de boas noites, o de Lúa, de Kalandraka para arroupalo mentres quedaba durmido.
E nós, coma tiñamos ganas de cantar, coñecimos algunha nana nova que atopamos nos libros da Biblioteca, durme, durme negriño, versionada polo grupo Golfiños no seu libro Té, chocolate, café, prestouse para os aloumiños, os sorrisos e para coller o ritmo doce e morno dos sons e as cores das ondas do mar.
Así, relaxados, quedamos a descubrir moitos dos libros da Biblioteca que estaban preparadiños para nós. Poidémolos ver por riba, por baixo, de lado, por dentro, de pé, tumbados… Pero non sin antes despedirnos cun Aburiño ben marchoso que tamén descubrimos en Té, chocolate, café
Adeus, goodbye, ciao, aburiño
Adeus, au revoir, arrivederchi
Adeus, goodbye, ciao, aburiño
Adeus, goodbye, adeus, adeus
Adeus, adeus, adeus, adeus
Bicos ós meus, bicos ós teus
Ata mais pronto, ata mais ver
E xa sabedes, calquer excusa é boa para achegarse ás Bibliotecas municipais ou mesmo dende a casa, a través do seu catálogo (se queredes descubrir os seus tesouros ou os que xa coñecemos na Bebeteca), dende Flickr (se o que vos gusta é ver tódalas fotos das sesións), ou o Facebook (para seguir tódalas novas e curiosidades).
Ata pronto!
Deixar unha resposta