«Se falas cunha persoa nun idioma que comprenda, chegas á súa cabeza. Se falas con ela no seu idioma, chegas ao seu corazón»
Nelson Mandela
Os bebés comprenden o que sucede no seu entorno antes de poder falar. A súa capacidade de adquirir coñecementos é prodixiosa, desde os primeiros meses de vida apreciamos como a súa personalidade e o seu comportamento vanse modelando a pasos de xigante. E se isto ten lugar nunha contorna multilingüe estanse desenvolvendo ademais unhas boas aptitudes para os idiomas, aptitudes que nesta sociedade global sempre implican progreso.
A experiencia de varios idiomas nos máis pequenos tradúcese nunha mellora da función executiva do cerebro, é dicir, son capaces de resolver tarefas e problemas con maior facilidade. Tamén implica un incremento das habilidades metalingüísticas (a capacidade de reflexionar sobre a linguaxe en si mesma) e aporta efectos protectores contra o deterioro cognitivo que supoñerá a idade adulta. Repercutirá positivamente tanto no seu futuro cultural e profesional como en termos de identidade persoal e autoestima (imaxinades o bonito de vivir sen tradutor automático?).
Neste contexto, as Bibliotecas Municipais somos conscientes da importancia de proporcionar ferramentas para descubrir e coñecer novos idiomas. E neste convencemento propoñémosvos BbLinguas: unha selección de contos que ten por vocación contribuír ao coñecemento e adquisición de máis dunha lingua dende idades temperás. Historias ilustradas, breves e sinxelas en distintos idiomas que constitúen un apoio para a aprendizaxe e a práctica dun idioma estranxeiro:
- Guardería de idiomas. Julie Aigner-Clark. Barcelona: Essential Minds, D.L. 2004.
- Corre! Corre! Jeanne Ashbé. Barcelona: Corimbo, 2005.
- Upa! upa! Hip, hop. Catherine Hnatov. New York: Star Bright Books, 2010.
- Chi si nasconde lì? Milano: Gribaudo, 2010.
- Mon tout premier livre sonore. Fiona Land. Paris: Nathan, 2010.
- Where´s Mrs. Ladybird? Ingela P. Arrhenius. Londres: Nosy Crow, 2017.
- Go to sleep Cheeky Monkey! Carles Ballesteros. Londres: Words & Pictures, 2017.
Estes e outros títulos agárdanvos na sala infantil da Biblioteca Ágora dispostos a ensinar idiomas para poder vivilos, a converterse nunha primeira aproximación a formas de comunicación alternativas que tornan difusas as fronteiras.
Deixar unha resposta