LEAMOS O BAILADO


“A danza comparte coa poesía, entón, a súa materia rítmica e sobre todo os efectos emocionais do ritmo sobre o corpo: pero, como unha síncope, unha coma, unha aposición, unha estrutura sintáctica determinada, poderían emocionarme? A emoción -dille a danza á literatura- é unha sintaxe corporal, un corpo articulado no tempo e nas tres dimensións do espazo” Paul Valéry

Hoxe 29 de abril, celébrase o Día Internacional da Danza. Establecido pola Unesco hai máis de trinta anos co obxectivo de atraer a atención sobre esta arte, son moitas as institucións, axentes sociais, organismos e particulares que dedican parte do seu tempo á difusión deste medio de expresión.

A Biblioteca Municipal Ágora, súmase a esta difusión. Con 10 anos recén cumpridos seguimos apostando por implementar nas nosas propostas lectoras a danza, descubrindo o corpo como ferramenta universal que rompe barreiras e se comunica alén das palabras.

Videocreacións a partir de conceptos integradores da palabra, sesións de alfabetización para persoas adultas e de animación lectora para nenas e nenos, encontros inclusivos, estratexias de movemento creativo para proxectos prelectores, recomendacións de títulos, mostras bibliográficas e colaboracións varias, son parte das accións desenvoltas ao longo desta década.

CONTOS EN MOVEMENTO

Ás veces as historias cóntanse co corpo. Exploran o ritmo e as cancións dando lugar a outra forma de literatura a través da música e da imaxinación. Outras veces aparecen os clásicos xerando encontros inclusivos nos que as escenas danzadas conxúganse coa lectura adaptada e en voz alta. Mencionamos ao alumnado do CEE Nosa Señora do Rosario, do CEE María Mariño e do CEIP María Barbeito que tiveron a oportunidade de mergullarse na obra de Lewis CarrollAlicia no país das marabillas” e na de Frank BaumO Mago de Oz”. Foi emocionante.

ESCOLAS QUE CONTAN (E BAILAN)!

E ao alcance de todas as persoas tamén están as escolas! Sempre en continuo movemento, as inquedanzas das crianzas participantes no programa BbEscolas lévalles a descubrir mundos artísticos que derivan en experiencias educativas e en relación coa lectura. Para iso nútrense de seleccións específicas que se complementan coa bagaxe da persoa educadora. Tamén a través de colaboracións externas nas que a biblioteca actúa como axente mediador proporcionando ás E.I. recursos que axuden a obter un maior rendemento das visitas desenvoltas no espazo bibliotecario. Neste momento o departamento de Creative movement do Tulsa Ballet Center for Dance Education dos Estados Unidos está a colaborar con nós.

Co fin de achegármonos a todas as persoas que formades parte do proceso de alfabetización das crianzas, compartimos a boa práctica lectora que Verónica –titora de 2 anos da Escola Infantil Afundación Zalaeta– leva a cabo.  A súa formación artística e sensibilidade polo mundo da danza, permite que o alumnado da escola descubra unha arte universal moitas veces descoñecida. Para o seu desenvolvemento fai uso dos recursos amosados pola biblioteca, que lle axudan a descubrir historias e ampliar as opcións lectoras que ten na aula. Max, Celeste e o alumnado fan o resto.

  • Que percibes cando traballas a lectura a través da danza? Traballar a lectura apoiándonos na danza fai o deleite de nenas e nenos. Fusionamos dúas liñas de comunicación que gustan e motivan ao alumnado de 2 a 3 anos.
  • Poderías compartir con nós a experiencia que desenvolviches arredor da historia de Max e Celeste? Como punto de partida puxemos en común as ilustracións presentadas no conto. O seu contexto –a cidade de París- e os diferentes monumentos reflictidos nas páxinas contribuíron a este primeiro contacto. A implicación das nenas e nenos e o seu interese, posibilitou introducir a Danza Clásica na aula. Entre pliés, xiros e posicións de brazos, as crianzas empatizaron coas dúas personaxes protagonistas. Recordo que me vían coller o conto e xa se sentaban para escoitalo de novo!
  • Cal foi a resposta por parte do alumnado? A resposta do alumnado foi marabillosa. Tamén a mestura de ambos os recursos.
  • Algunha anécdota máis que che gustaría destacar? Aproveitando a boa involucración do alumnado na historia de Max e Celeste, propuxemos estendelo á efeméride do Entroido. O previo que implica a elaboración dos disfraces conxugouse coa interacción das crianzas entre probas de vestiario, pasos de baile e unha historia xa asentada. Eran tantas as ganas de sentirse como Max e Celeste que a demanda do conto “Un tigre con tutú” (Fabi Santiago. Madrid: Siruela, 2017) foi continua! Durante o festexo as nenas e nenos estaban encantadas/os!
  • Que beneficios cres que achega a danza como primeiro contacto coa lectura? A lectura dende idades temperás require colaboración. As crianzas aínda non son capaces de ler por si mesmas. A danza serviunos como fío condutor para que o alumnado prelector puidese empatizar coa historia dun xeito activo a través do movemento, empregando o seu propio corpo para comunicarse e facendo uso da imaxinación e creatividade.

LEAMOS O BAILADO

Para concluír queremos achegarvos algunha proposta bibliográfica máis. Novidosas na rede de bibliotecas e interesantes para vivir a danza dende a casa, na aula ou en calquera contexto que implique o gozo pola lectura. Leamos o bailado mentres a música faise visible!

  • Ballet Bauhaus: un espectáculo desplegable. Gabby Dawnay. Barcelona : Blume, 2019
  • Bea baila. Luciano Lozano. Sevilla : Tres Tigres Tristes, 2017
  • Boys dance! John Robert Allman. New York : Doubleday, cop. 2020

Feliz Día Internacional da Danza 2022!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

A %d blogueros les gusta esto: