Cans brancos, ovellas negras e katarsis nas estrelas…
Unha vez máis, a pasada semana, a compañía Katarsis Educación e Teatro amosou na Biblioteca Ágora, todas as potencialidades que ofrece a simbiose educación-teatro para iniciar aos bebés nos seus primeiros contactos co mundo dos contos.
Espertamos dentro dunha bañeira con auga na que os protagonistas da historia dos tres porquiños desfrutaban, mentres todos os participantes descubrían os libros de ducha. Camiñamos primeiro e corremos despois ao son do corro da pataca, imaxinamos historias nas mans dos pais e nais que asistiron á sesión, e mesmo, o señor Coc tivo a oportunidade de presentarnos a un dos seus mellores amigos.
E se unha sábana nos perseguira para ir durmir e mesmo se prestara a xogar con nós nacendo dela un conto?
Foron moitos e moi diversos os recursos que compartimos, o conto como xogo, como experiencia lúdica do descubrimento dunha historia, dunha imaxe, dun son, como punto de partida ao desenvolvemento da imaxinación.
Dende a Bebeteca Ágora queremos agradecer aos bebés participantes e ás súas familias ter compartido con nós estes momentos máxicos para todos. E o mellor xeito de desfrutar dun anaquiño da sesión é a través do seguinte vídeo. Desfrutade e ata pronto!
Deixar unha resposta