Hoxe, día 29 de Abril, celébrase o Día Internacional da Danza! Establecido pola Unesco hai máis de trinta anos co obxectivo de atraer a atención sobre esta arte, son moitas as institucións, axentes sociais, organismos e particulares que adican parte do seu tempo ou da súa programación á difusión deste medio de expresión.
Con carácter participativo e divulgativo, as Bibliotecas Municipais inciden nun concepto amplo da Danza e da cultura, a través dunha filosofía que pretende achegar esta concepción de ambas ao público en xeral e a nenos e nenas con idades entre 0 a 6 anos en particular.
Importancia do movemento en idades temperás
O movemento constitúe un elemento indispensable no proceso de socialización dos máis pequenos. É ideal para estimular a aprendizaxe e contribúe ao seu desenvolvemento: potencia a forza muscular, o equilibrio, a coordinación e a confianza.

Algunhas propostas divertidas
Realizar sinxelos exercicios de estiramentos para mover brazos e pernas, explorar movementos corporais (balanceos, xiros…) e espaciais (saltos, galopes…), experimentar con actividades sensoriais empregando variedade de texturas e materiais, xogar con instrumentos de percusión ou bailar seguindo os diferentes ritmos músicais (vals, polca, rock and roll…) son algunhas das actividades que vos propoñemos para que o voso bebé, nun contexto amigable, interactúe co mundo que lle rodea, expresándose dun xeito divertido e agarimoso.
Exploramos cos contos e a imaxinación as posibilidades do movemento
Aproveitando a multitude de opcións que proporciona o conto como medio de expresión e de transmisión de contidos, presentámosvos os Contos vivenciados!
Os contos vivenciados son historias narradas e participativas ademáis de divertidas. A súa esencia baséase no movemento, o cal se utiliza como un instrumento máis na educación integral do/a pequeno/a. O conto vivenciado transfórmase nunha estrutura esencial para a construción do pensamento, o xogo simbólico implícito nel é motivador e constitúese na ensamble para avanzar na aprendizaxe.
A continuación, achegámosvos unha pequena selección bibliográfica relacionada directamente coa danza e movemento que poderedes atopar nas nosas bibliotecas. Só tedes que escoller o que máis vos guste e adaptalo para gozar xuntos do voso conto vivenciado!
- Muévase, Sr. Coc & Wiggle, Jump, Stomps, Mr.Croc de Jo Lodge
- Un elefante se balanceaba de Marianne Dubuc
- Mi perrito quiere bailar ballet de Anna Kemp
- El boogie de los culitos de Guido van Genechten
- Baby´s First Moves ¡Levántate y muévete! (DVD)
Contos en Danza
Son moitas as compañías profesionais de danza que programan espectáculos educativos dirixidos ao público miúdo. Durante trinta minutos, os/as pequenos/as desfrutan en vivo da maxia do ballet e da música.
Como exemplo achegámosvos o traballo que desenvolve o Northern Ballet (UK). Esta compañía adapta as historias dos contos tradicionais para que cobren vida a través do movemento coa fin de fomentar o gusto pola Danza desde idades temperás.
Deixar unha resposta