Hai xa oito meses que puxemos en marcha as sesións de promoción lectora dirixidas ao público miúdo: os BbEncontros!
Ata entón, máis dun centenar de bebés entre os 4 e 24 meses, acompañados das súas respectivas familias, tiveron a oportunidade de coñecer o noso espazo, quitar os zapatos e tirarse no tapete de cores para viaxar, como se dunha alfombra máxica se tratara, polo marabilloso mundo dos contos e da lectura; un mundo máxico para o que seleccionamos contos sen páxinas, contos corporais, poesías, arrolos e música variada cun obxectivo claro: vincular aos bebés e familias á lectura utilizando a súa imaxinación.
Ao longo deste curso 2013/14 deseñamos un total de dezaseis BbEncontros, baseados nunha metodoloxía creativa e participativa e executados nun espazo cálido e afectivo: a nosa Bebeteca.
Empregamos a narración oral e a lectura de imaxes para descubrir o universo diario dos máis pequenos, homenaxeamos á literatura tradicional e á tradición oral galega a través da música, gozamos da estimulación visual fusionando cores, luces e sombras e destacamos as obras máis recoñecidas de grandes autores/as e ilustradores/as da Literatura Infantil.
Xogamos co movemento, cos xestos e coas palabras, e entre conto e conto puidemos amosarvos recursos, materiais e bibliografías específicas para achegar os libros aos máis pequenos da casa. Pero sobretodo gozamos cos sorrisos e coas miradas dos nosos verdadeiros protagonistas: os bebés!
O sábado 24 de Maio, tivo lugar a derradeira sesión do primeiro ano de programación dos BbEncontros. Por este motivo preparamos unha actividade especial mesturando a grandes e pequenos, coa finalidade de gozar xuntos a través dunha divertida historia ilustrada da man de Paula Bossio “O LAPIS”. O resultado: un lápis xigante, unha caixa de trastos e por suposto… un conto para clausurar un ano cheo de encontros!